domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

Desmantelamento da Atención Primaria

No artigo de hoxe quería lanzar unha serie de datos (a modo de pílulas) para que o/a avezado/a lector/a entenda que é o que está pasando co tema da sanidade galega e máis en concreto coa Atención Primaria:

Faltan cartos: sen recursos económicos non hai servizos de calidade e a Atención Primaria leva sufrindo recortes sucesivos dende a entrada de Feijóo no goberno da Xunta. No 2009 a porta de entrada do sistema sanitario galego recibía un investimento de 1436 millóns de euros. Trece anos despois, e coa que temos enriba, os orzamentos para esta partida reducíronse en arredor de 50 millóns, situándonos á cola do Estado en investimento por habitante (só por diante de Madrid). Sen recursos económicos hai menos contratación, hai máis precariedade e a calidade da atención aos doentes reséntese dun xeito importante.

Hai profesionais: un dos argumentos nos que insistentemente abundan os nosos xestores sanitarios é na falla de profesionais. Por desgraza, coñezo a moitos rapaces e rapazas que, sendo alumnos meus e estudando medicina ou enfermería, optaron por marchar a países europeos onde as condicións laborais eran moito mellores e valoran máis o seu traballo. Non obstante as facultades de medicina poden formar a máis profesionais e no MIR pódense convocar máis prazas. Profesionais válidos hainos, e a moreas!

Precisamos de atención presencial: dende a plataforma SOS Sanidade Pública calculan que o 70% da asistencia na Atención Primaria non é presencial. Coa situación epidemiolóxica actual podemos facer practicamente de todo (as restricións actuais son ridículas e perseguen claramente a estratexia do contaxio colectivo) pero seguimos tendo problemas para ter unha atención primaria persoal, con pequenos centros do rural pechados (Castro de Rei) e retrasos de días nunha atención primaria que remata por colapsar os PAC e as Urxencias. Volvemos ao de antes, hai profesionais pero non están contratados para reforzar este servizo (o 50% do persoal médico ten máis de 1400 tarxetas de usuarios).

Con todos estes datos podemos concluír claramente que a sanidade pública non é unha prioridade clara para o goberno do PP. A que é debido este fenómeno? Pois como noutros sectores económicos é necesario colapsar os servizos públicos para convidar á xente a pagar unha sanidade privada, na que se move moito diñeiro. O afán privatizador está no ADN do Partido Popular.

E, non tendo nada que ver co tema, quería pechar o artigo cunha pequena lembranza a unha gran amiga falecida hai uns días: María del Carmen Colmenares Cal, ou como era máis coñecida nas terras da montaña, Fina de Paderne. Cando cheguei ao CPI de Cervantes (ano 2004), Fina era mestra (levábao sendo dende a apertura do centro e nas unitarias previas) na última etapa de primaria e era a secretaria do centro. Lémbroa cun perenne sorriso na boca, con ganas de integrar as novas tecnoloxías nas aulas, disposta a viaxar co alumnado e sempre acolledora co novo profesorado que recaía no centro. Fina era Meirega de nacemento pero Cervantega de adopción. Nesta nova terra de acollida desenvolveu a súa faceta política como concelleira e voceira do PP. Pese ás nosas antagónicas posicións sempre puidemos falar de política (e de feito, gustábanos facelo) porque Fina tiña un espírito aberto, moito máis moderno que os seus compañeiros de partido. No CPI de Cervantes o corazón deulle unha mala pasada hai uns anos, pero Fina foi forte e sorteou o contratempo. Agora outra enfermidade, que a Covid deixou en segundo plano, levóunola sen apenas tempo para a despedida. Que a terra che sexa leve, compañeira!

Desmantelamento da Atención Primaria
Comentarios