miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

Descubrindo a Galiza encantada

Non hai moito tempo que se cumpriron os vinte anos da primeira edición do ‘Dicionario dos seres míticos galegos’ escrito por Antonio Reigosa, Xoán Ramiro Cuba e Xosé Miranda, e onde un acertado Lázaro Enríquez foi capaz de poñer cara, coas súas fermosas ilustracións, a unha enorme lista de seres da nosa mitoloxía. O dicionario, editado por Xerais, tivo unha acollida moi boa entre os/as lectores/as do país de tal xeito que houbo dende a saída inicial do prelo varias edicións (cinco) pero tamén tivo tirón no exterior de tal xeito que se chegou a editar, en novembro de 2006, unha tradución ao castelán.

O volume mantén a rigorosidade de todo dicionario combinado coa lectura áxil, amena e divertida dunha novela de ficción sobre o noso patrimonio cultural máis fráxil. O ‘Dicionario dos seres míticos galegos’ conta con 710 entradas que foron recollidas en toda a xeografía galega despois dun arduo traballo de campo e de investigación bibliográfica. Polo tanto, uns seres serannos máis próximos e outros máis descoñecidos (por ser máis locais e distantes a nivel xeográfico). Uns protagonistas son máis endémicos do noroeste peninsular, mentres que outros teñen parentes moi achegados por toda a xeografía mundial. O dicionario é, sen dúbida, un referente que non debe de faltar nas pequenas bibliotecas domésticas e onde Pedro Chosco, a Estadea, o Paxaro da Morte e o Can Negro nos van facer pasar moi bos ratos, sobre todo se os desfrutamos con luz tenue fronte á calor do lume e a maxia das muxicas.

Pero se o ‘Dicionario dos seres míticos galegos’ marcou un antes e un despois para a mitoloxía galega en papel, o portal Galicia Encantada supuxo outro punto de inflexión de gran transcendencia no virtual mundo de internet. Onte, de feito, cumpríanse quince anos da creación desta inconmensurábel enciclopedia virtual que non deixa de medrar e actualizarse grazas á colaboración de moitísimas persoas, baixo a coordinación de Antonio Reigosa e con ilustracións de Noemí López. Na web poderás atopar a historia da Galicia imaxinaria, mitos, lendas, ritos, contos, romances e aventuras que permanecen intactas na memoria dos máis maiores. Contén máis de tres mil documentos e tivo nestes quince anos máis de dous millóns de visitas, cunha publicación conmemorativa polo décimo aniversario e varios premios no seu haber.

O pai desta fermosa criatura chamada Galicia Encantada, Antonio Reigosa Carreiras, é un mindoniense (de Zoñán) orgulloso do seu lugar de ‘nacencia’

O pai desta fermosa criatura, Antonio Reigosa Carreiras, é mindoniense (de Zoñán) orgulloso do seu lugar de ‘nacencia’, de tal xeito que o concello o nomeou Cronista Oficial no 2015. Antonio traballa de responsable de comunicación e xestión cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo e leva dedicado moito tempo libre á investigación da fantasía popular, recollendo o patrimonio etnográfico de varios concellos da provincia co Grupo Chaira (xunto con Mercedes Salvador, Ofelia Carnero e Xoán R. Cuba), como responsable da sección de literatura de tradición oral da AELG, coordinando revistas orais, colaborando con distintos medios de comunicación e asociacións culturais ou como escritor de múltiples publicacións (non só relacionadas co mundo do patrimonio inmaterial senón tamén de narrativa infantil), por citar algún dos aspectos da súa extensa biografía. Moitas grazas, Antonio, polo teu labor meticuloso e entusiasta nun campo tan fráxil, pero relevante para a nosa cultura, como o do patrimonio inmaterial.

Descubrindo a Galiza encantada
Comentarios