Opinión

Os descoñecidos científicos lucenses: Antonio Casares

RARO É o/a adolescente que ao saír do ensino obrigatorio non coñeza unha boa presada de escritores/as galegos/as. Se os apuramos máis, ata os de peor rendemento académico saberían citar a varios nomes nacidos nas terras lucenses pero se cambiaramos a faceta literaria pola científica en xeral (física, química, bioloxía, xeoloxía, matemáticas...) a cousa reduciríase tanto que dubido que souberan nomear a ninguén. Admiro a fortaleza de institucións centenarias como a Real Academia Galega (RAG) e como persoa de ciencias (se é que existe esa clasificación, que tamén o dubido) gustaríame que a homóloga no eido científico, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), tivese un peso semellante dentro da sociedade. E como profesor de secundaria teño que entoar o ‘mea culpa’ admitindo a dificultade que temos para introducir nomes galegos na listaxe de científicos universais cando temos moitos exemplos que axudarían a promover as vocacións científicas pola proximidade xeográfica dos mesmos. 

Unha das figuras que gustaría de rescatar no artigo de hoxe, e no do venres que vén, é a do monfortino Antonio Casares Rodríguez que foi homenaxeado no ano 2012 pola RAGC no ‘Día da Ciencia en Galicia’. A celebración trata de presentar diante da sociedade galega a vida de científicas e científicos galegos (nativos ou de adopción) que destacaron pola súa contribución ao desenvolvemento da ciencia. A celebración, que foi movida definitivamente ao 8 de outubro (conmemora o nacemento do Padre Benito Jerónimo Feijóo), comezou no 2008 co profesor Enrique Vidal Abascal e dedica no 2019 ao químico Tomás Batuecas Marugán (homenaxe que encaixa ben co 150 aniversario da creación da táboa periódica).

A elección de Casares no 2012 coincidiu co 200 aniversario do nacemento do polifacético científico lucense e á celebración da RAGC sumouse a Universidade de Santiago de Compostela (onde desenvolveu a súa actividade docente e institución na que foi reitor durante un longo período) coa organización da exposición ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade no 200 aniversario do seu nacemento’ que despois de estar en Compostela foi inaugurada o 16 de xaneiro de 1013 na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos grazas á colaboración da Área de Cultura da institución provincial (na teima persoal que sempre tiven de abrir ao mundo da ciencia as distintas salas da Rede Museística Provincial). 

Pero se as homenaxes puntuais non chegan para sacar do esquecemento ás persoas de ciencias na Galiza (nin no resto do estado) isto aínda se acentúa máis cando falamos de mulleres científicas. Deberíanse redobrar os esforzos nos centros educativos galegos por promover interesantísimas figuras como Ángeles Alvariño, Jimena Fernández de la Vega ou María Josefa Wonenburger co fin de equilibrar en xénero as matrículas nas tan de moda titulacións STEM (siglas, en galego, de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

Afortunadamente as cousas van cambiando pero pese ao esforzo de outras institucións como o Consello da Cultura Galega, que recentemente publicou o ‘Álbum da ciencia. 30 nomes e as súas achegas’ (e que na súa web ten a biografía de centos de científicos/ as galegos/as) ou a Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia) que quere traballar dende os primeiros anos, aínda as biografías científicas non semellan o suficientemente atractivas como para que sexan consumidas polo público en xeral. Ese é o caso de Antonio Casares (que analizaremos o vindeiro venres) e de moitos outros.