Opinión

O dereito a manifestarse pacificamente

Como a maior parte da cidadanía, non me gusta a violencia. Considero que esta é executada por covardes que tratan de maquillar eivas internas e que na maior parte das veces mamárona como algo normal na súa infancia, sufríndoa eles mesmos ou persoas do seu carón. Vírona como unha solución posíbel e, como algo semellante á droga, seguiron botando man dela en situacións análogas co fin de sentirse superiores fronte a outra(s) persoa(s). Hai violentos domésticos que semellan ovellas mansas no exterior das súas casas, e outros que precisan dunha manda de preas para sacar todo o peor que levan dentro. Gústalles ver como a adrenalina percorre o seu corpo e na maior parte das veces o contexto é unha mera escusa para desenvolver a súa covardía.

Poñen máscaras dunha ideoloxía política extrema, o escudo do seu equipo de fútbol no peito ou o que faga falla para poder exercer a violencia en grupo. Eles non se dan conta de que son os maiores inimigos da súa causa porque lle dan a escusa ao inimigo, ou aos medios de comunicación, para botar por terra o traballo de anos, ou décadas, dos que ao contrario ca eles, detestan a violencia.

Estivo a pasar cos actos electorais de Vox nas últimas eleccións celebradas (as catalás, as galegas, as vascas, ou un pouquiño máis para atrás, as estatais). A violencia dun fato de persoas vestía ao lobo cunha pelica de año manso, dáballes cancha nos medios de comunicación audiovisuais ou escritos e poñía á esquerda como violenta. Canto traballo realizado para defender a paz durante décadas para que un puñado de violentos o estraguen nunha tarde! Con Vox, debemos de tirar man do refraneiro popular xa que "non hai maior desprezo que non facer aprecio". Vox combátese coa razón e coa dialéctica, nos debates ou nas institucións, non coa súa arma, a violencia, porque con esa, gañan eles sempre (a fin de contas son herdeiros de quen son e dun pasado non tan afastado).

O mesmo digo polo inxusto detemento do rapeiro Pablo Hasél nos días pasados. Miles de persoas saíron á rúa de xeito pacífico pero nalgunha das manifestacións, un feixe de violentos ademais de causar danos que o resto da cidadanía remataremos pagando a escote (os seguros nunca se quedan coas perdas e as administracións non teñen fábricas de diñeiro), lixan o verdadeiro sentir das protestas que non é nin máis, nin menos, que a deriva represiva dunha feble, moi feble democracia. Evidentemente iso fano coa anuencia dos grandes medios de comunicación, dominados por grandes imperios económicos (impactoume unha imaxe na que se vía a un morea de fotógrafos fotografando a un único violento que posaba diante deles). Esa non é a imaxe, nin a mensaxe a transmitir. Fronte a catro tolos que esnaquizan mobiliario urbano e privado hai miles e miles de persoas que están fartos da situación de represión e corrupción actual pero saben que só as sucesivas e masivas manifestacións pacíficas son capaces de minar o sistema. Contra a violencia, o Estado ten recursos máis que suficientes, teñen aos antidisturbios e a moitos dos medios de comunicación.

Basta xa de criminalizar á cidadanía que se manifesta neste mundo ao revés. Non esquezamos que os criminais e os corruptos seguen nas rúas impunemente (xefes de estado elixidos a dedo que rouban a mans cheas, fascistas que saen á rúa para expresar os seu odio e a súa xenofobia con total liberdade, partidos políticos que financian os seus gastos con achegas ilícitas de empresarios, líderes políticos que reciben por agasallo, sen pedilo, un mestrado para aparentar, mentres que outros van a prisión por poñer as urnas nas rúas. Non é que a democracia falle, é que a DEMOCRACIA (en maiúsculas) aínda non chegou.

Comentarios