Opinión

En débeda con Aníbal Otero

Hai xa tempo, bastante, un amigo propuxérame escribir sobre a figura de Aníbal Otero. Se non o fixen antes, foi porque a información que eu tiña era verdadeiramente escasa. Se o fago agora, non é porque me convertera nun estudoso da súa figura, senón porque considero que a súa biografía segue a ser moi ignorada e que precisa de altofalantes para poñela en valor; no lugar que verdadeiramente debera de ocupar. Se cadra unha asociación (como ten o seu veciño, Avelino Díaz, trece anos e dous meses maior que Aníbal) ou unha maior implicación do seu concello natal (Ribeira de Piquín) servirían para achegar a súa vida e obra ao común dos mortais. Antes, os nenos e nenas do seu concello estudaban no CEIP Aníbal Otero, mais o seu peche en 2013 (tres anos antes eliminábase a cociña do centro, nun proceso de progresivo desmantelamento) foi outra peza máis para relegalo ao esquecemento.

Aníbal Otero nace en xaneiro de 1911 no lugar de Barcia (parroquia de San Xurxo de Piquín), no que hoxe é un fermoso e coñecido hotel da zona. De familia labrega acomodada, Aníbal estuda Filosofía e Letras en Madrid, especializándose en fonética da man de Tomás Navarro Tomás. Antes de rematar a carreira incorpórase ao monumental proxecto de Ramón Menéndez Pidal (e dirixido por Tomás) denominado ‘Atlas Lingüístico da Península Ibérica’, coñecido polas súas siglas: ALPI. As súas achegas serían fundamentais no oeste peninsular, abranguendo o seu traballo de campo a práctica totalidade de Galiza e Portugal (véxase o mapa nº 5 do ALPI que se pode consultar na web do CSIC dedicada ao proxecto).

O estalido da Guerra Civil sorprendeuno percorrendo o sur do río Miño cun coche oficial da República facendo transcricións fonéticas cunha simboloxía descoñecida e perigosa para os réximes políticos de Salazar e Franco. Aníbal tiña as súas inquedanzas políticas mais nunca participara directamente neses temas. Era o 5 de agosto de 1936, en Valença do Miño, e as sospeitas de ser un espía que traballaba para a Fronte Popular fan que remate no cárcere (onde é condenado a pena de reclusión perpetua, é dicir, a trinta anos).

A súa estancia na cadea limitouse a cinco anos (por non ter delitos de sangue), aspecto que aproveitou para seguir recompilando información entre os presos. En 1941 volve a Barcia onde traballa como labrego ata que dez anos despois o volven a contratar para retomar o seu traballo no ALPI. Das súas mans sairían a ‘Contribución al diccionario gallego’ e ‘Vocabulario de San Jorge de Piquín’, moitos artigos sobre lingüística e unha novela: ‘Esmoriz’.

Aníbal casa coa súa curmá, Asunción Álvarez, e froito dese matrimonio terían un único fillo, Horocel, cun defecto conxénito denominado ‘espiña bífida’. As múltiples operacións e un sentimento de culpa por mor dese casamento entre familiares sumiría ao noso protagonista nunha grande crise existencial que afondaría aínda máis o seu illamento do mundo.

Dez anos antes do seu pasamento a Real Academia Galega decidiría a súa entrada como académico numerario na institución, mais o seu estado de ánimo xa non estaba para este tipo de recoñecementos e desculpou o non redactar o discurso de ingreso por mala saúde. Aníbal morrería en 1974 en Barcia como un labrego máis, arrolado polas gurgullantes augas do Eo e protexido do nacente pola Pena da Anduriña.

Comentarios