lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

Covid-19, o virus da Coroa española

S egundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) os coronavirus son unha extensa familia de virus que poden causar enfermidades en animais e en humanos, provocando nestes últimos infeccións respiratorias que poden ir dende o catarro común ata enfermidades respiratorias máis graves como o síndrome respiratorio de Oriente Medio (Mers) ou o síndrome respiratorio agudo severo (Sars). A esa familia pertence o virus que nos afecta neste intre, a Covid-19.

Os devanditos virus empregan o termo latino ‘corona’ porque cando se observan a través do microscopio electrónico presentan unha forma redonda que culmina cun círculo de virións ao redor que lembra a coroa solar ou mesmo unha coroa normal. Xa é boa coincidencia que os Borbóns aproveitaran esta pandemia para intentar salvar a Coroa española da maior crise dos últimos tempos. Se España estivese no punto de mira dos EE.UU. asegúrovos que Trump xa tiña unha coartada sólida a quen botarlle a culpa, en vez de acusar ao goberno chinés.

Porque a Casa Real, como institución, non valerá para moito pero ten uns asesores moi bos. Acertaron no intre de anunciar a abdicación de Juan Carlos I (xuño de 2014) e non puideron escoller mellor data para mandar o comunicado sobre a renuncia do rei actual á herdanza do emérito que a do 15 de marzo (domingo e día seguinte da declaración do estado de alarma), coa poboación consternada e tratando de asumir uns acontecementos nunca vistos que segarían milleiros de vidas inocentes.

Coa mesma precisión, a Casa Real, volveu a dar outra mostra de enxeño para vender publicamente a fuxida do rei emérito. Despois da xira dos reis actuais e xusto antes de coller as habituais vacacións en Mallorca, para que ninguén ouse molestalos. Todos, incluída a Casa Real, lembramos as numerosas manifestacións republicanas que se organizaran aquel xuño de 2014, por iso escolleron este intre para destapar o lixo real, porque as cazoladas (como a deste martes) mancan moito menos e non dan fotos interesantes para publicar nos medios de comunicación.

Diante desta monumental tomadura de pelo os cidadáns de a pé esiximos xustiza. Queremos que se investigue a Juan Carlos I polas comisións cobradas, presuntamente de forma ilegal, en relación co Ave á Meca e que pague os impostos que lle corresponda. Queremos saber que grao de implicación ten en toda a trama o actual monarca que, cando menos, foi sabedor e cómplice. E queremos, en definitiva, que cumpran coa xustiza como calquera cidadán, coñecedores que están protexidos pola figura da inviolabilidade real da Constitución.

Finalmente, queremos que se pregunte á cidadanía cal é a forma que prefiren para elixir ao Xefe do Estado. Se lles parece ben que sexa un cargo herdado (tendo preferencia os homes sobre as mulleres, como na actualidade) ou elixido democraticamente. Porque a monarquía é unha institución totalmente anacrónica e carente de sentido que ten no noso estado unhas raiceiras putrefactas. Lembremos que Juan Carlos I foi nomeado Rei de España por Francisco Franco e que o Borbón apelou á lexitimidade de xullo do 1936 na coroación diante das Cortes franquistas.

Pero os nacionalistas galegos aspiramos a algo máis que á constitución dunha república española que manteña a actual estrutura territorial. Aspiramos a que Galiza sexa unha nación totalmente soberana, democrática, laica e republicana. Loitamos, igual que o fixeron os nosos antecesores, pola constitución dunha República da Galiza. Se cadra non o verán os nosos ollos, pero non podemos ficar de brazos cruzados para furtarlle ese dereito á seguinte xeración.

Covid-19, o virus da Coroa española
Comentarios