Opinión

Corgoral: a memoria colectiva de todo un concello

FALÁBAME o historiador vilalbés José Luis Novo Cazón, nunha conversa en Lugo polo ano 2012, das bondades de coñecermos a nosa microhistoria. Coñecer eses pequenos acontecementos, que por escala son ignorados pola historia tradicional, é importantísimo para poñer en valor o lugar de onde nacemos, o sitio onde botamos raiceiras, o emprazamento onde traballamos e coa unión desas microhistorias estaremos achegando un punto de vista, sen dúbida, máis completo e obxectivo do que coñecemos por historia convencional. É esa paixón polo ‘micro’ o que anima a centos de asociacións galegas a estudar e a promocionar o local para facerse un oco no mundo e mellorar a autoestima da súa poboación.

A preocupación pola recollida do patrimonio inmaterial do concello do Corgo, non como unha iniciativa puntual ou local se non como un proxecto a nivel municipal, nace no seo do Centro de Estudos do Corgo e maniféstase nun artigo publicado por min no número 2 da revista Corga. Nel, ademais de facerse unha pequena escolma do patrimonio recollido en distintas fontes (escritas ou orais), proponse realizar unha recollida minuciosa, casa por casa, por todo o concello. Esta proposta articúlase a partires dun equipo de traballo voluntario, cunha formación previa e cuns recursos materiais mínimos. Daquela o asociacionismo cultural ligado tanto ao Centro de Estudos do Corgo como á Asociación Cultural Arumes do Corgo era dos máis fortes en toda a provincia e o reto da recollida víase como algo viable.

Pasaron os anos e a recollida non chegou a facerse, porén os mellores informantes (as persoas maiores) seguían marchando e con eles perdéndose o máis fráxil do noso patrimonio, o inmaterial. Era o momento de afrontar o traballo dun xeito profesional, por iso o BNG do Corgo propón no pleno do 26 de maio de 2016 que dende o concello afronten mediante bolsas formativas (ou outro mecanismo administrativo) o estudo do patrimonio local, a comezar polo inmaterial.

Despois de anos reclamando a execución da devandita moción (aprobada no seu momento por unanimidade) o concello do Corgo contratou ao arqueólogo e antropólogo Lois Ladra para realizar a recollida do patrimonio inmaterial do concello. A súa chegada en decembro de 2020 coincidiu na segunda onda do covid-19 polo que afrontar un traballo onde o contacto persoal coas persoas máis vulnerábeis da pandemia era tan necesario fixo que houbese que botarlle doses de imaxinación.

Lendas, contos, cantigas, adiviñas, ensalmos... son parte da nosa rica cultura en perigo de extinción. É por isto que se pon de manifesto a necesidade de recoller e dixitalizar o patrimonio cultural inmaterial galego co fin de que non se perda. Pero todos estes aspectos da cultura popular, tan desprezados durante a maior parte do século XX, non foron feitos para permanecer transformados en cadeas de bits no disco duro dun ordenador, senón como cadeas de fonemas na boca dos galegos e das galegas, nesa fantástica cadea de transmisión interxeracional.

É aí onde o bo labor de Lois o levou a contactar cos centros de ensino da contorna para empregar ao alumnado corgués co fin de facer a primeira aproximación á recollida. Eles/as si tiñan acceso ás persoas maiores conviventes ou si podían achegar o contacto dalgún veciño/a. Por unha parte aproveitabamos estes meses de confinamento para avanzar no traballo, por outra, ese patrimonio era posto en circulación de boca a boca, como antano.

Que o proxecto de recollida sexa un éxito, ou non, depende de todas e de todos os corgueses. Se queremos deixarlles ás seguintes xeracións ese efémero tesouro podemos achegar as historias que nós coñecemos ou simplemente o contacto dunha persoa que con boa memoria aínda se lembre de todos esas xoias. Pero este é tan só o primeiro paso. Unha vez rematado o traballo presionaremos para que isto non sexa puntual e se siga investigando sobre o noso patrimonio e sobre a nosa historia.

Comentarios