martes. 09.03.2021 |
El tiempo
martes. 09.03.2021
El tiempo

Chegou a terceira onda, e non será a última

Visto o medo para tomar medidas restritivas e o lento ritmo da vacinación non dubido de que esta non será a última onda, pero gustaríame que as vindeiras non fosen tan agresivas como a actual

EN PLENA terceira onda estou absolutamente desconcertado diante da insensibilidade dos nosos gobernantes, tanto a nivel estatal como a nivel galego. Estes días de atrás estiven relendo o afamado cómic de Art Spiegelman Maus, xa que foi o libro que con moi bo criterio escolleu o alumnado do club de lectura do meu instituto. Despois da lectura, e para acompañar o debate sobre o libro e sobre o tema de fondo (Segunda Guerra Mundial, nazismo, xenofobia...), visionamos El pianista, de Roman Polanski. En calquera documental sobre a temática pode observarse como en tempos de guerra (como esta silenciosa na que nos atopamos) o ser humano é capaz de poñer unha venda nos ollos para protexer, supoño, a súa saúde mental.

De tanto falar de mortos, chegamos a acostumarnos a lidar diariamente con cifras bestiais. O que en marzo e abril nos poñía os pelos de punta e nos quitaba o sono (despois das longas roldas de prensa de Pedro Sánchez), hoxe son só números asépticos e baleirados de contido para a maioría das persoas, incluídos os que teñen que tomar as medidas para que isto minimice os seus efectos. Se a segunda onda non foi tomada o suficientemente en serio coa finalidade de salvar o Nadal, foron os excesos desas festas os culpábeis (en gran parte) do elevado número de contaxios diarios, colapso de Ucis e mortes que vemos nestes últimos días.

Por unha banda temos a un presidente da Xunta de Galiza ao que lle tremen as mans á hora de tomar medidas drásticas. Cando hai dez meses o Goberno estatal asumía todas as competencias, este era un dos que se queixaba polo abuso de poder. Porén, unha vez que dispuxo de ferramentas para manobrar queixouse de que o Goberno de España fose tan laxo á hora de tomar medidas.

Pola outra temos ao Ministerio de Sanidade, que teme volver a actuar dun xeito severo, como un confinamento, por medo a molestar á patronal e que nin sequera se amosa favorábel a permitir que as comunidades autónomas poidan ter máis flexibilidade para rebaixar a hora do toque de queda (as dez da noite é claramente insuficiente!). Se isto non cambia de inmediato, un confinamento de quince días axudaría, e moito, a mellorar a situación a medio-curto prazo. Sei que é unha medida complexa, que é pedir un esforzo máis á cidadanía, pero alongar medidas brandas como as actuais nin salva vidas nin tampouco é bo para a economía.

Canto antes se controle esta crise sanitaria antes se poderá reactivar a economía. Pídolles aos gobernos de PP e PSOE que deixen a confrontación política e se poñan a traballar cóbado con cóbado para paliar unha terceira onda que ameaza en serio por facernos esquecer a primeira; que administren ben os 70.000 millóns de euros dos fondos europeos para que cheguen ás microeconomías e así poder salvar postos de traballo; en definitiva, que miren un pouquiño máis adiante dos seus narices e que se deixen aconsellar por xente con criterio e coñecemento para actuar con planificación pero tamén con rigor e solvencia.

Visto o medo para tomar medidas restritivas e o lento ritmo da vacinación non dubido de que esta non será a última onda, pero gustaríame que as vindeiras non fosen tan agresivas como a actual. E lembremos entre todos e todas que sen vida non ten sentido falar de economía.

Chegou a terceira onda, e non será a última
Comentarios