Opinión

Si, "o BNG e as vacinas"

COMO PODE verse no título deste artigo e, nun xesto que nunca antes fixera nos preto de dez anos de articulista neste xornal, vou tentar responderlle a outro colaborador habitual deste, e doutros medios de comunicación, o señor José Antonio Constenla, concelleiro do PP en Santiago de Compostela. No artigo El BNG y las vacunas publicado este martes, o señor Constenla critica a Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, e á fronte nacionalista por intentar abrir o abano de posibilidades no paquete de vacinas.

Sen gustarme nada o símil entre a actual pandemia e unha guerra contra un inimigo silencioso, direille que nunha batalla armamentística ningún exército se resignaría a empregar un único tipo de arma para derrocar ao inimigo habendo distintas posibilidades no mercado. Dende logo foi un erro maiúsculo dos nosos gobernantes apostar xeoestratexicamente por unha serie de farmacéuticas que meses despois estannos tomando o pelo con incumprimentos de contrato á hora de servilas para inmunizar a poboación.

No pico da terceira onda, cando este martes (precisamente) se notificaba a cifra de 724 falecementos en 24 horas (o peor dato dende o mes de abril) tachar de "ocurrencia ", "genialidad" e toda a sarta de descualificacións que o autor do artigo dedica a Rego e ao BNG por pedir que se estude a viabilidade de outras vacinas como a rusa, a chinesa ou a cubana seméllame, simplemente, escandaloso.

Señor Constenla, non é simplemente o produto da "penúltima ventolera política"; o BNG xa pedía no Congreso no mes de setembro que se negociara a adquisición de varias vacinas. Aquela iniciativa non prosperou e o BNG volveu a rexistrar unha proposición non de lei a semana pasada para instar ao Goberno do Estado a negociar a adquisición das vacinas necesarias (con independencia do seu lugar de procedencia) para frear o terríbel avance da pandemia.

Pero co transcorrer dos días a "ocorrencia" foise collendo forma. A chanceler alemá amosouse disposta a negociar a adquisición da vacina rusa Sputnik-V (vacina que algún país da UE xa está poñendo con grande éxito). A prestixiosa revista médica The Lancet publicaba esta semana que as doses da vacina rusa tiñan un 92% de eficacia nun ensaio con 20.000 participantes e sen rexistrarse efectos secundarios máis aló do típico cansazo, ten un prezo asequíbel e pode almacenarse nun frigorífico convencional. Finalmente o Goberno de España recuaba hai dous días e manifestaba valorar a vacina rusa contra o coronavirus.

Sinceramente, señor Constenla, atreverse a descualificar ao BNG por tratar de buscar solucións na maior crise sanitaria dos últimos tempos é unha provocación en toda regra. Pero fronte á oposición construtiva que a fronte nacionalista tivo nesta pandema, pódeme explicar a que xogou o seu partido? Ayuso en Madrid indiferente á gravidade da terceira onda aposta por relaxar as restricións. En Galiza o presidente tardou en aplicar unhas medidas que ao meu modo de ver, seguiron sendo insuficientes e tachou de insignificantes as vacinacións improcedentes que recibiron persoas do PP ou próximas (alcaldesa de Boimorto, a conselleira delegada das residencias Domus VI...).

E en canto á AP-9, non se preocupe señor Constenla, o BNG non vai cansar ata que o PSOE cumpra o acordo de investidura no que figura unha rebaixa histórica nas peaxes así como a gratuidade do tramo Vigo-Redondela. A fronte nacionalista tampouco decaeu no seu empeño de transferila á Xunta de Galiza e despois de dez anos de vetos do seu partido vemos preto o soño da primeira transferencia conseguida nos doce anos de goberno do señor Feixóo. Ese será o primeiro paso, o segundo, rematar coa estafa das peaxes despois de que no 1994 o tándem González- Borrell ampliara a concesión ata o 2003 e que o ínclito José María I, Privatizator, a volvera a ampliar no ano 2000 outros 25 anos máis e a privatizara a prezo de saldo.

Comentarios