Opinión

BNG: 40 anos ao servizo da Galiza

O DOMINGO pasado cumpríanse corenta anos da fundación do Bloque Nacionalista Galego. Un encontro nacional conmemoraba no frontón de Riazor o evento no que a maior parte do nacionalismo galego da época se unía para constituír unha fronte nacionalista de esquerdas. Máis dun milleiro de militantes arrouparon no mesmo escenario da fundación a Ana Pontón, a líder carismática que obtivo hai dous anos 19 deputados/as no Parlamento galego, converténdose na segunda forza política do país e con serias opcións de ser a primeira presidenta da Xunta de Galiza.

O 25 e 26 de setembro de 1982 celebrábase na Coruña a asemblea constituínte do BNG. Xuntábanse así a AN-PG, a UPG, o PSG e outros colectivos e persoas a título individual, nunha fronte que co paso dos anos tería distintas baixas e incorporacións. A partires do 1996 viviríase unha década gloriosa para o BNG a nivel electoral. En 1996 acadaba dous deputados no Congreso dos Deputados, incrementando un no 2000 e volvendo aos dous iniciais nas eleccións do 2004. No Parlamento galego pasaría algo semellante, xa que a lista encabezada por Xosé Manuel Beiras en 1997 tería un 25% dos votos e 18 deputados, converténdose por vez primeira na segunda forza política no Hórreo, algo que repetiría nas seguintes eleccións pero cunha menor diferencia de votos con respecto ao PSOE, e cun deputado menos. No 2005, e con Anxo Quintana á cabeza, a perda de escanos sería amortecida co acceso ao goberno da Xunta de Galiza en coalición co PSOE. Foi tamén nesa década cando o BNG obtería un eurodeputado, Camilo Nogueira no 1999, aínda que despois Ana Miranda volvería a selo pero non en períodos completos de cinco anos.

Porén, se falamos de bos momentos, tamén hai que falar dos malos. A XIII Asemblea Nacional (non válido para supersticiosos), celebrada en Amio en xaneiro de 2012, supuxo unha ruptura que trouxo consigo case outra década de ostracismo político ata a actualidade.

Nestas situacións tan críticas só as organizacións sólidas, con forza militante e coas ideas claras son capaces de sobrevivir. Dende aquela outras moitas foron creadas, a rebufo do movemento 15-M e da ‘nova política’, e tan rápido como apareceron e ascenderon, volveron minguar ata desaparecer. Tamén o PP e o PSOE viron ameazado o seu bipartidismo a nivel estatal pero a historia das organizacións de vello fai que sexan resilientes fronte os grandes cambios políticos que se viven na actualidade. O BNG soubo recompoñerse pouco a pouco dende Amio. Partiu cunha forte débeda económica que foi capaz de eliminar por completo a base de traballo militante ata a actualidade e iso é moi importante nunha forza política que aspire a gobernar coas mans completamente libres, sen dependencia algunha diante dos grandes bancos e dos poderes económicos.

Ao longo destas catro décadas o BNG demostrou ser unha organización feminista (só hai que ver como os cargos de máxima responsabilidade política e institucional están ocupados por mulleres), ecoloxista, democrática (ano tras ano o BNG destaca nos distintos estudos como unha das organizacións políticas estatais máis democráticas e transparentes), pacifista, pero sobre todo nacionalista e de esquerdas, cerna do ADN político da organización.

Na xornada de onte, o BNG da comarca de Lugo celebraba un acto político no hotel Méndez Núñez (de grande significación para o nacionalismo por ser o lugar onde se celebrou hai 104 anos a I Asemblea Nacionalista, impulsada polas Irmandades da Fala) onde, a maiores de presentar o libro ‘40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022’ de Manuel Anxo Fernández Baz e de distintas intervencións políticas, se recoñecía aos militantes lucenses que hai corenta anos forxaron un proxecto político que pode mudar o panorama político galego a curto prazo.

Comentarios