Opinión

Benedicta e O Corgo

REPASANDO NO disco duro do ordenador vin que xa pasaran tres meses dende o meu último artigo publicado sobre Óliver Laxe, centrado na súa magnífica película ‘O que arde’. No mesmo falaba da posibilidade de que a película estivese nominada aos premios Goya en ata 15 categorías distintas. O tempo, dende aquela, non só nos demostrou que era posíbel senón que o sábado pasado a academia outorgaba dúas estatuíñas á película que todos/as os/as lucenses acollemos como nosa, especialmente a xente da zona dos Ancares. O propio Óliver era consciente, no momento do nomeamento, da dificultade de recibir os galardóns de Goya á mellor dirección ou á mellor película pero albergaba esperanza coa nominación de Benedicta Sánchez.

Benedicta fai na película o papel de nai do pirómano e encarna na súa pel o duro e fulcral papel familiar da muller galega, nunha nación claramente matriarcal. Os resultados da súa interpretación na película non deixan a menor dúbida de que Óliver acertou coa escolla de actores non profesionais senón que Benedicta levaba unha actriz, en maiúsculas, agochada no seu interior. Fronte á sorpresa xeneralizada había moita xente próxima coñecedora do seu talento como foi a súa filla, Emma Karina Sánchez, ou os seus compañeiros do grupo de teatro amador con sede na chairega Castro de Ribeiras do Lea.

A historia de Benedicta e O Corgo é coincidente coa de moitos xenios que por adiantados foron mirados de xeito raro polas persoas que os rodeaban. Porque está claro que Benedicta naceu antes de tempo, ou dito doutra maneira, que foi unha adiantada ao tempo que lle tocou vivir. Unha alma libre, viaxeira, ambiciosa e soñadora nun concello rural e nunha época na que o franquismo tinguiu a realidade cunha escala de grises. Aos seus 84 anos Benedicta recolle, a mans cheas, unha inmensa colección de prestixiosos e modestos recoñecementos pola súa valía, humildade e espontaneidade.

A historia de Benedicta e O Corgo é coincidente coa de moitos xenios que por adiantados foron mirados de xeito raro polas persoas que os rodeaban

En pouco tempo poderemos coñecer un pouquiño máis a esta ilustre corguesa, que levou o nome do seu concello polo mundo adiante, grazas a un artigo biográfico realizado por Chelo Vázquez Castro para a revista Corga nº 7 e publicada polo Centro de Estudos do Corgo. Con este artigo, a entidade corguesa súmase a outras homenaxes procedentes do seu concello natal como a da Asociación Cultural Arumes do Corgo, que a fixo protagonista da entrega de premios da XIII edición do certame literario Terras de Chamoso, ou do propio concello do Corgo que no pleno ordinario a celebrar hoxe pola tarde aprobará bautizar o centro de día co nome da veciña de Manán San Cosme (lugar onde xa mantivo un encontro cos maiores para falar da película hai uns meses).

O outro galardón recaeu en Mauro Herce como director de fotografía desta poética película que é tal grazas á musica e ás imaxes. Traballar co lume, centro de gravidade do filme, non tivo que ser doado polo perigo e a imprevisibilidade do mesmo, pero Mauro (Barcelona, 1976) foi capaz de convertelo noutro protagonista máis dándolle a súa verdadeira dimensión. Imaxes sobrecolledoras deste humilde catalán que leva traballando dende hai tempo con Óliver e outros directores galegos como Eloy Enciso ou Lois Patiño e que tivo palabras de agradecemento e homenaxe para todas aquelas persoas que deixan a pel no duro traballo da extinción de incendios.


 

Comentarios