Opinión

Baluros: máis de 5 décadas de teatro no rural

HAI EN Castro de Rei dúas asociacións referidas aos habitantes da Valuria, espazo xeográfico que se estende pola Terra Chá e sobre o cal está investigando (e publicando en Galicia Digital) o escritor da Ponte de Outeiro, Xosé Otero Canto. Os Valuros (con V) dedícanse á música e ao baile tradicional, e son a tarxeta de presentación do concello nas múltiples festas, feiras e actos nos que participan. Os Baluros (con B) son un grupo de teatro afeccionado que leva feitas representacións de teatro en galego por toda a península. En ambos os grupos tivo que ver Xosé Manuel Carballo, crego e gran defensor da lingua e da cultura de Galiza, e do mundo rural en particular, nacido en Goberno (Castro de Rei) e falecido hai xa preto de cinco anos.

Os Baluros inauguraron o pasado sábado un ciclo teatral (con entrada de balde) para celebrar que levan máis de cinco décadas sementando ilusión e gargalladas entre o público. O ciclo alongarase durante todos os sábados do mes de agosto no Centro Cultural Xosé Manuel Carballo (antigo teleclube) de Castro de Rei. Abriu a mostra o grupo Abrente (As Nogais) con A análise de sangue (grupo de maiores) e Vivir dignamente no rural (grupo infantil), que encheu totalmente o salón de actos (máis de cen persoas) e seguiranlle nos vindeiros sábados os grupos Quemaisten (As Pontes), O Torques (Burela), Remocicarte (Puerto de Vega, Navia), pechando Os Baluros coa representación de O menciñeiro á forza, obra adaptada ao galego por Xosé Manuel Carballo (coa axuda da súa irmá, Fe, que estivo presente na apertura do ciclo) do Le Médecin malgré lui de Molière.

Como nos lembrou Xulio Xiz na presentación do ciclo de teatro do pasado sábado, mentres os franceses buscaban a praia debaixo das baldosas das rúas (‘Sous les pavés, la plage!’) naquel mítico maio de 1968, en Castro de Rei iniciábase unha revolta para dar prestixio á lingua e ao rural. Unha mestra, Olga Vila, e outro crego, Gonzalo Quiroga, xunto con Teresa Souto e María Real, encargaríanse de levar á escena a famosa zarzuela Non chores, Sabeliña de Xosé Trapero Pardo, con actores e actrices da contorna. Eran os tempos da ditadura e o galego ía filtrándose polas tenues regañas do sistema para ir recuperando nos espazos públicos toda a vitalidade que mantiña no ámbito doméstico.

Pouco tardaría Xosé Manuel Carballo en coller as parroquias da zona e as rendas do grupo de teatro. Diante da escaseza de obras de teatro en galego, o crego escribiría ‘Bo Nadal’, Recobrou o sorriso o Eleuterio e Auto de Nadal en solitario e Dous vellos e unha soa soidade con Marica Campo, Vaise pechar outra casa máis con Xulio Pita e Unha noite de ruada con Samarita Canto. O grupo, que seguiu traballando con rapaces e rapazas da contorna, levaría o teatro por todos os recunchos, reivindicando un rural vivo e que loita contra o baleiramento provocado pola globalización.

Ao longo destes cincuenta e catro anos houbo centos de actuacións (dende finos teatros a dignas palleiras), montaxes radiofónicas e incluso a gravación dunha curtametraxe dirixida por Miguel Calvo para TVE. Décadas de amizade, risadas, ensaios, viaxes e moito amor propio para reivindicar a dignidade do rural galego. Mágoa de non existir un grupo dos Baluros en cada un dos trescentos quince concellos galegos.

Os dez integrantes do grupo (a maior parte deles, con décadas de experiencia enriba dos escenarios) seguen xuntándose para gozar do teatro e da amizade que os une. Como en moitas asociacións do eido rural agardan por un relevo xeracional para que a historia do teatro iniciada hai máis de medio século en Castro de Rei non esmoreza en pleno século XXI. Polo de agora desfrutaremos dun verán de teatro nun centro cultural adobiado pola exposición ‘Instantes’ de Carmen Cabaneiro e Juanjo de la Comba.

Comentarios