domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

De Baamonde ao Courel

Se no primeiro artigo do ano falabamos do posíbel peche dun centro escolar con preto de trinta alumnos no concello de Begonte, en plena Terra Chá, no segundo toca cambiar radicalmente de xeografía pero para falar dunha mesma temática, a educación, nuns parámetros semellantes, os números e as ratios. Se pechamos o colexio de Baamonde só é porque para a Consellaría de Educación cada peche significa un aforro económico, pero iso non significa que a calidade da educación mellore (para min, empeora substancialmente). Paralelamente falabamos dun forte impacto económico para unha parte do concello. Ben, pois o problema do que falaremos hoxe trata do mesmo: agrupar para aforrar, ocasionando unha diminución na calidade do servizo e un forte impacto económico na zona.

Desta vez toca viaxar ás antípodas da chaira. Ímonos ás altas montañas orientais galegas e en concreto ao concello de Folgoso do Courel. Alí é onde reside o Apalpador, ese personaxe lendario que ata a TVG ignorou este ano, o día 25 de decembro, preguntándolles aos nenos galegos que tal se portara Papá Noel. Dez días antes, a Consellaría de Educación decidira darlles como agasallo por un primeiro trimestre brillante (por parte do alumnado, profesorado, persoal non docente, transportistas, familias...) na loita contra o covid-19 unha nova contratación do transporte escolar para os dous vindeiros cursos: 2021-2022 e 2022-2023.

Antes de falar das características dos novos contratos é imprescindíbel contextualizar a cuestión. Como todo o mundo sabe a complexa orografía e climatoloxía (sobre todo no inverno) unido a un forte despoboamento e dispersión da poboación fai que transportar ao alumnado dende os seus núcleos ata o centro de ensino sexa unha tarefa difícil. As estradas son estreitas, as curvas de raios pequenos e os núcleos moi agrupados para loitar contra os fríos e longos invernos. Estas características fan que o transporte actual estea conformado por un total de 6 rutas escolares e unha frota de furgonetas con capacidade para 7-9 alumnos/as que son os únicos vehículos que poden acceder ata os núcleos. A maiores, os transportistas non só pertencen todos ao concello (vivindo, pagando impostos e conservando ese magnífico espazo natural) se non que tamén forman parte da propia comunidade educativa do centro (a maioría son familiares directos do alumnado) ofrecendo un servizo de calidade e evitando que os mozos e mozas do Courel teñan que estar no transporte tempos excesivos.

Fronte a esta situación tan particular a Consellaría decidiu aforrar economicamente e en xestión administrativa sacando a concurso un lote no que a maiores do concello de Folgoso do Courel incluiría: A Pobra do Brollón, Bóveda, O Incio, Ribas de Sil e Monforte de Lemos (onde tería a base). Todo un esperpento para os que coñecen minimamente a Serra do Courel e que redundará nunha mala calidade do servizo. A devandita contratación obriga á empresa a ter vehículos de 10-25 prazas e iso afectará negativamente á seguridade do transporte, aumentará os tempos e afastará as paradas das casas do alumnado. Por outra banda impediralles aos actuais autónomos e pequenos empresarios locais poder optar ao concurso provocando o peche dos seus negocios e a posíbel expulsión das súas familias do seu lugar de orixe.

Esta semana produciuse unha novidade que hai que tomar con cautela. A Consellaría decidiu suspender esa contratación para estudar a fondo o problema, cousa que é de agradecer. Mais a cidadanía cansa de que a enganen decidiu seguir coas súas protestas ata que a paralización sexa firme. Non é a loita dos transportistas, é a loita de toda a comunidade educativa e, por extensión, a de todo o concello. Un concello de montaña que, lonxe de ter ese trato de favor que lle brinda a lexislación (dende o artigo 130 da Constitución, a Lei 25/1982, a Lei 45/2007...), loita por non seguir perdendo servizos.

De Baamonde ao Courel
Comentarios