Opinión

Auditorio Fuxan os Ventos

Non se trata de decidir quen ten máis méritos, senón de poñer en valor que Lugo foi berce de moitos persoeiros do mundo da cultura galega e universal

HAI DÚAS semanas que a concelleira de cultura, turismo e promoción da lingua de Lugo, Maite Ferreiro, anunciaba a intención de bautizar o novo auditorio lucense co nome do histórico grupo musical galego Fuxan os Ventos, xa que no vindeiro ano se cumprirá o medio século da súa fundación (1972). O seu anuncio suscitou o sempre oportuno debate de nomes e propostas, alimentado por outros partidos, mais o acerto da proposta inicial fixo que a discusión fose diluíndose co tempo.

Sen entrar a valorar as longas tirapuxas entre a Xunta de Galiza e o Concello de Lugo sobre a entrega e a posterior apertura do auditorio direi que o nome de Fuxan é para min o máis idóneo para este importante edificio cultural lucense. Fuxan os Ventos é moito máis que un grupo musical con cincuenta anos de traxectoria; representa a loita por recuperar o uso do galego no plano cultural despois de catro décadas dunha ditadura que tratou de eliminar (sen éxito) a lingua do pobo.

Na creación de Fuxan os Ventos tivo moito que ver o crego Xesús Mato Mato, xusto merecedor da Medalla Castelao no 2018. Estando el de asesor relixioso no colexio menor feminino Santísimo Sacramento fíxose un coro. Por outra banda no Eijo Garay tamén había moi boas voces masculinas polo que o crego convidou a estes últimos a que foran cantar coas rapazas; e entre panxoliñas en galego e castelán naceu Fuxan e o espectáculo Galicia canta ao neno. Este grupo participaría no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo co nome de Folk 72 gañando o primeiro premio. O primeiro disco en saír foi Fuxan os ventos no 1976 e detrás del virían outros nove e tres recompilatorios. O grupo tería que enxeñalas para evitar a censura gobernativa que estivo presente ata case o remate da década dos setenta, tempo despois da morte do ditador. Pero a implicación de Fuxan non se cinguiu en exclusiva ao plano musical, cultural e lingüístico, comprometéndose socialmente (canción protesta) cos máis desfavorecidos e reivindicando a democracia e a igualdade.

Entendo as voces que propoñen o nome de Xoán Montes como candidato, mais penso que este lucense, de valía e proxección universal, xa está presente na vida social de Lugo co nome da céntrica rúa, do instituto intramurallas e do conservatorio profesional de música. Recentemente o seu busto foi restaurado e instalado na Praza Maior, onde desenvolveu parte da súa actividade profesional (foi fundador da Banda Municipal), despois dun percorrido que o levaría por distintos emprazamentos da cidade. A súa figura tamén será posta en valor no cemiterio de San Froilán, que acolleu ata hai uns meses unha lápida rota e ennegrecida que dificilmente se asociaba co que foi un dos mellores compositores galegos. Despois de reverter a concesión da sepultura a concellaría que dirixe Cristina López comezou o proceso de restauración que está a piques de rematar.

Non se trata de decidir quen ten máis méritos, senón de poñer en valor que Lugo foi berce de moitos persoeiros do mundo da cultura galega e universal. Afortunadamente lonxe quedan os tempos nos que flamantes auditorios levaron nomes impropios e alleos ao mundo da cultura. En Vilalba o auditorio deseñado por César Portela, e inaugurado a finais dos noventa, leva o nome de Carmen Estévez Eguiagaray, leonesa de nacemento cuxo mérito no seu currículo é ter sido a dona de Manuel Fraga, expresidente da Xunta de Galicia e exministro franquista "por la Gracia de Dios"

Comentarios