Opinión

Antonio Casares ou a ciencia ao servizo da sociedade

Falabamos hai uns días do escaso coñecemento das biografías científicas (quitando aos universais Einstein, Newton, Marie Curie ou Darwin) dentro da sociedade. Gustaríame saber cantos en Monforte saben quen foi o ‘Doutor Casares’ que dá nome a unha importantísima rúa paralela ao río Cabe, ou en Lugo quen foi o ‘Rodríguez Mourelo’ que bautiza a avenida que dá acceso ao Parque de Rosalía de Castro (por certo, un químico de gran sona internacional que merecería outro artigo, e que foi discípulo de Antonio Casares). 

O perfil de Antonio Casares é tan complexo como innovador. Naceu en Monforte de Lemos no 1812 recibindo alí a unha primeira formación que completaría en Valladolid e Madrid cunha orientación clara cara os estudos da natureza e da química (o seu pai era un coñecido e progresista boticario en Monforte con raíces no concello de Sober). Despois dese periplo formativo regresa a Galiza, instalándose en Compostela, ao adquirir a cátedra de Química do Conservatorio adscrito á Sociedade Económica de Amigos do País (SEAPS), institución coa que estaría estreitamente vencellado toda a súa vida chegando incluso a presidila. 

Foron tan bastos os seus coñecementos e tan variados os campos de actuación que resulta difícil sintetizalos nun artigo como este. Comezando pola docente, Antonio Casares destacou por ser un profesor eminentemente práctico e que tratou de dotar ao alumnado dun corpus bibliográfico que el mesmo traduciu e escribiu (algún dos seus tratados de química foron libros de referencia durante décadas en varias universidades do estado). Na Universidade de Santiago de Compostela obtivo a cátedra de Historia Natural, a cátedra de Química Xeral e finalmente a de Química Inorgánica. Casares foi o encargado de poñer en marcha a nova Facultade de Farmacia (sendo o seu primeiro decano) e foi reitor da universidade dende o 1872 ata a súa morte en 1888. 

Antonio Casares foi un dos científicos máis relevantes da súa época a nivel estatal e europeo

Pero se o parágrafo anterior demostra os altos coñecementos de Casares este pon de relevo a súa obsesión por poñelos á disposición da sociedade en xeral para mellorar as súas condicións de vida, sen esquecer as súas orixes rurais. No seu moderno laboratorio investigaría e divulgaría distintos traballos sobre agricultura (sementes, adubos, solos, pragas...) facendo fincapé no mundo da uva e dos viños tan importantes na Ribeira Sacra e na Galiza en xeral. Os seus coñecementos analíticos levaríano tamén a ser un experto internacional na análise das augas minero-medicinais. Como mostra do innovador que foi quero salientar tres aspectos: sintetizou o cloroformo no seu laboratorio (por vez primeira no estado), probouno nun can e en si mesmo e pouco despois comezaría a empregarse como anestésico en operacións cirúrxicas; sería o primeiro tamén en producir luz eléctrica cun arco voltaico e descubriría o mineral ‘morenosita’ en Santo André de Teixido (tamén a Zaratita pero na actualidade non está claro que sexa un mineral pola variabilidade da súa composición). 

Antonio faría achegas máis que importantes no mundo da toxicoloxía, da meteoroloxía, electroquímica ou espectroscopía que demostraron que foi un dos científicos máis relevantes da súa época a nivel estatal e europeo. 

Pero se foi relevante a nivel individual tamén o foron os seus descendentes converténdose nunha saga que abrangueu durante décadas ámbitos científicos, políticos e docentes de relevancia (Antonio e José Casares Gil, Miguel Gil Casares e varias personalidades compostelás) ata case a actualidade (o tataraneto, Juan Casares Long, é catedrático de Enxeñaría Química e foi reitor da USC dende o 2010 ata o 2014).

Comentarios