Opinión

Ano Carvalho Calero

Era evidente que o día das Letras Galegas se tiña que adiar. O pleno do Congreso aprobou onte prorrogar o estado de alarma ata o día 26 de abril, eu prognostico que se vai volver a prorrogar, polo menos, outros 15 días e a volta á normalidade será paulatina e mudará a curto-medio prazo (quizais sexa un antes e un despois) as nosas rutinas sociais. Isto unido a que, os centros educativos, se abren este curso será moi a finais e que a potencialidade do día das letras galegas radica no seu aproveitamento didáctico en primaria e secundaria, fai que o 17 de maio deste ano non sexa adecuado para celebrar o día das letras galegas que tan merecido ten Ricardo Carvalho Calero.

Eu fun un dos que defendeu en público a grande débeda que tiña a RAG con este persoeiro (dende esta e outras palestras), como fun no seu día (cando era Deputado de Cultura) gran defensor do ano Manuel María. Pero agora pido que se suspenda e que se reoriente este ano 2020. Xa sei que eu son un ninguén neste tema e que a RAG se pronunciou este mércores día 8, pero gustaríame partillar miña opinión ao respecto convosco.

A Real Academia Galega decidiu aprazar o pleno extraordinario e público, do 17 de maio ao sábado 31 de outubro (un día despois do 110 aniversario do escritor ferrolán), así como o resto de actos que foron habituais nestes últimos 57 anos de celebracións. Efectivamente é unha decisión inédita nun momento no que, por desgraza, estamos nun punto de inflexión dunha magnitude descoñecida dende a segunda guerra mundial (onde están os que dicían que isto era menos daniño que unha simple gripe?). Eu penso que nesta situación cumpría tomar decisións aínda máis drásticas e adiar directamente o ano Carvalho Calero para o 2021. Coido que o retraso na súa escolla ben merecía alongar a celebración un ano máis.

E que facer este 17 de maio? Pois a miña proposta pasa por dedicarllo a aquelas persoas que serviron de elo de transmisión do galego ata os nosos días. Aos nosos pais/nais e avós/avoas que hoxe están sufrindo os embates deste terríbel virus e que serviron de intermediarios deste idioma milenario dentro das nosas casas. Esa figura, fundamentalmente feminina (por estar máis vencellada á crianza da rapazada), e que foi unha magnífica transmisora de gramática, música e literatura oral ben merece un ramo de flores, unha aperta, ou unha chamada (se é que aínda estamos confinados) e un grazas por agasallarnos a lingua coa que falamos e polo tanto a visión coa que interpretamos a nosa existencia! Parte desas familias foron capaces de continuar co idioma como acto de rebeldía diante dunhas autoridades que castigaban por facer uso público del, outras levárono consigo ao exilio e educaron en galego aos seus fillos en Madrid ou Suíza e outras moitas porque así o fixeran xeracións e xeracións de devanceiros.

En ocasións ese elo transmisor non foi a familia se non un amigo ou amiga, a parella, o profesorado ou incluso os propios descendentes (cantas veces son eles os que educan aos proxenitores?). Esta humilde proposta pasa por facer protagonistas a todas esas persoas que habitualmente non saen nos xornais e que se non crearon literatura galega directamente si foron a fonte indiscutíbel na que beberon os/as homenaxeados/as ao longo destas seis décadas de celebracións.

Entendo que algún académico/a estea desexando que remate canto antes o ‘ano Carvalho’, entendo tamén que a lista de agarda para homenaxear sexa longa e disputada pero a importancia de Ricardo e deses millóns de transmisores/as ben merecerían os cambios propostos no artigo. A grandes problemas, grandes solucións, non simples parches!

Comentarios