Opinión

Pontón e os candidatos a desprazar a Feixóo

En Ana Pontón aparece simbolizada a aposta clara do BNG polas mulleres

ESTE DOMINGO o BNG concentrará en Santiago unha parte numerosa dos seus cargos políticos e da súa militancia para lanzar en público a candidatura da lucense Ana Pontón á presidencia da Xunta de Galiza. Este acto constitúe o pistoletazo de saída de cara ás vindeiras eleccións por parte dunha formación política que ve aumentados os seus apoios, comicios tras comicios, dende que acadou o liderado da fronte nacionalista no ano 2016. Dous meses antes, o BNG levara un tremendo trompazo nas eleccións xerais de decembro de 2015, ao perder os dous deputados no Parlamento español, motivo que levara a Xavier Vence a dar un paso atrás no partido (convencido como estaba de que era mellor participar na "confluencia rupturista" que presentarse por separado). Naquela asemblea nacional, celebrada en febreiro na Coruña, a política de Chorente (Sarria) saía elixida portavoz nacional do BNG co apoio do 85% da militancia.

Dous meses máis tarde, Ana Pontón sería nominada candidata para as eleccións galegas de 2016 e despois doutros malos resultados colleitados na repetición electoral das xerais de 2016 ninguén apostaba pola histórica formación nacionalista. Naquela campaña, na que tiven o orgullo de acompañar de segundo a Olalla Rodil na candidatura de Lugo, puiden albiscar un cambio radical na actitude da xente a partires do debate celebrado o 12 de setembro na televisión de Galiza. O BNG volvía aparecer nas pantallas de televisión e Ana Pontón foi a única candidata das forzas da oposición capaz de plantarlle cara a un Feixóo con moitas táboas.

Aquel debate, e unha magnífica campaña electoral, serviron para que as eleccións do 25 de setembro volveran rachar coas enquisas e o BNG lograra obter uns moi dignos resultados. Aquilo marcou un punto de inflexión e a fronte nacionalista foi mellorando en apoios en todas as eleccións posteriores ata chegar ás últimas de novembro na que o BNG volvería ás Cortes cun deputado que resultaría decisivo para a formación do novo presidente.

En Ana Pontón aparece simbolizada a aposta clara do BNG polas mulleres, nun mundo no que nos seguimos movendo entre líderes masculinos tanto a nivel de estado como en Galiza. Unha muller nova, cunha sólida experiencia parlamentaria e política, que ten por diante un futuro prometedor e que competirá con Gonzalo Caballero e, moi probablemente, con Toné Gómez-Reino por arrebatarlle a un sólido Alberto Núñez a presidencia da Xunta de Galiza.

Gonzalo Caballero, sen ser un líder carismático como apuntaba Xosé Ramón Gómez Besteiro, foi capaz de unir o partido a base dun intelixente acordo co ‘iluminado’ de seu tío (perdón pola brincadeira) e baixo a premisa de rodearse de xente afín en todas as agrupacións, pasando pola guillotina a aqueles sectores máis críticos (como aconteceu en Lugo). Un líder moi ligado a Pedro Sánchez que recollerá nos vindeiros meses os froitos dos acertos, pero tamén os erros, dun goberno feble pero ‘amigo’ en Madrid.

Esa será tamén a baza a xogar pola coalición Podemos-Izquierda Unida en Galiza, que unha vez instalada no Parlamento galego non precisa xa de caretas nacionalistas. Antón Gómez ten a necesidade de posicionarse en tempo récord fóra da provincia da Coruña, onde é un completo descoñecido, tirando man dos acertos dos seus compañeiros e especialmente dos éxitos que poida colleitar Iolanda Díaz dende o seu Ministerio de Traballo. Un panorama político aberto e interesante para unhas eleccións que, salvo sorpresas, nos agardan tralas vacacións de verán.

Comentarios