Opinión

Unha Academia de Agricultura efémera na Coruña

Para rematar esta serie de catro artigos relacionados coa investigación e a formación agraria na Galiza, tanto presente como pasada, imos falar da creación da Real Academia de Agricultura (en diante, RAA) na outrora capital do Reino de Galiza (A Coruña) o 20 de xaneiro de 1765 (polo 49 aniversario do monarca).  Eran tempos de Carlos III e tratábase da primeira institución deste estilo creada no Estado español. Manuel Murguía recolle no terceiro Boletín da Academia Galega os estatutos da devandita institución, estruturados en 17 puntos.

A RAA celebraría as súas xuntas na casa da Intendencia, presididas sempre polo Intendente, que naquel intre era Julián Robiou (Marqués de Piedrabuena), que nacendo en Saint-Malo remataría sendo en xaneiro de 1763, e tras varios ascensos meteóricos, Intendente de exército e do Reino de Galiza, e Correxidor da Coruña. O Sr. Robiou demostrara nos dous anos anteriores ter unha sensibilidade especial cos temas agrarios (entre outros), solicitando información e alentando (infrutuosamente) á creación de escolas agrarias por parte dos concellos.

Nos estatutos fálase dun número de 24 académicos honorarios que, reunindo unha serie de circunstancias, "deberan de xulgarse dignos desta honra". Estes académicos reuniríanse todos os domingos pola tarde, sempre e cando se xuntaran catro vocais, o Secretario (o erudito José Cornide Saavedra) e o Presidente. A maiores habería un número de 29 académicos correspondentes para representar ao resto das seis provincias galegas: oito por Santiago, cinco por Lugo e catro polas de Betanzos, Mondoñedo, Ourense e Tui. Neste caso, os correspondentes poderían acudir de xeito voluntario ás xuntas e terían que remitir á Academia unhas cinco ou seis memorias ao ano sobre os asuntos que cresen pertinentes para a mellora da agricultura nas súas provincias.

Foi tamén Manuel Murguía quen no número dous do Boletín da Academia enumera os membros da Academia de Agricultura sendo os académicos correspondentes pola provincia de Lugo os seguintes: o Marqués de Viance, D. José Vázquez, D. Antonio Teijeiro Montenegro, D. Pedro Isidro de yebra, señor de Láncara, e D. Manuel José Valcarcel y Neira. O primeiro obxecto da RAA sería investigar as causas da decadencia da agricultura nas sete provincias do reino de Galiza co fin de atopar o remedio. Aproveitando tamén que os académicos eran propietarios de terras en todos os puntos de Galiza estes deberían fixar que variedades de plantas eran máis acaídas a cada zona.

Se atendemos aos comentarios de Murguía (nese mesmo boletín) ou ao citado polos ilustres Pardo Bazán e Conde de Pallares na comentada xa (hai dúas semanas) "Memoria sobre la necesidad de establecer escuelas de agricultura en Galicia" a RAA ten no seu haber, pese a efémera existencia de apenas 10 anos, a redacción de distintas memorias e estudos, a perfección na sementeira do millo e a extensión dos piñeirais na provincia da Coruña, os estudos para desecar a lagoa de Antela (feitos por José Cornide e o enxeñeiro Carlos Lemaur), a apertura na Coruña dunha escola de fiado ao torno, a xeneralización do cultivo dos nabos e das patacas, o cavado de montes comunais para a produción de cereal, entre outros. Proxectos que non chegaron a culminarse foron a redacción dunha Cartilla agraria e dun Dicionario de Agricultura ou a publicación dun semanario co título de O Mercurio Agricultor (cuxo primeiro número "quedó sepultado en las oficinas del Gobierno" para a súa aprobación). A falta de apoio económico do Goberno para levar adiante os proxectos existentes enriba da mesa levaron a dar por rematado este efémero pero singular proxecto.

Pola contra ese remate fora prognosticado xa por Frei Martín Sarmiento (como recollen os estudos da profesora Álvarez Lires) quen asegurara que nin o lugar escollido como sede nin os académicos electos (moitos deles foráneos) poderían dar bo resultado se nin sequera se dignaban a empregar a lingua daqueles a quen querían redimir: os labregos. O monxe bieito rexeitou formar parte da Academia censurando o seu despotismo ilustrado así como o intento de financiarse cun imposto sobre o sal que afectaría a todos os labregos.

Comentarios