Opinión

A Ponte de Neira

SE EU TIVERA que sinalar cinco lugares que un bo turista non podería deixar de ver no concello do Corgo estaría nun apuro ben grande. Escoller só cinco sería unha limitación inmensa nun concello tan basto en canto a patrimonio natural, material e inmaterial. Por presentar unha selección variada do que un visitante pode ver no Corgo escollería os seguintes cinco puntos: o conxunto das Virtudes de Pedrafita, o campo da feira de Adai, o espazo natural da Fervenza (Sto. Estevo de Farnadeiros), o Castrillón (espazo recentemente adquirido polo concello do Corgo) e o lugar da Ponte de Neira (Cela). Teño falado dalgún destes lugares en artigos anteriores e hoxe vouvos a presentar o último do top 5.

Nel o protagonista principal é o río Neira así como todas as construcións que o ser humano foi edificando dende hai séculos para aproveitarse del ou para cruzalo. Evidentemente o máis senlleiro, e o que lle dá nome a ese lugar de Cela (así como á asociación veciñal) é a súa ponte medieval, que consta de catro vans de cantaría de medio punto (silueta que forma parte do logotipo do Centro de Estudos do Corgo). Por enriba dela pasa a estrada do Páramo que parte dende Conturiz e comunica ás parroquias corguesas da ribeira do Miño. Construída no s. XIII-XIV, por alí pasou unha importante vía de comunicación medieval para unir Lugo con Sarria.

O río Neira fai de límite administrativo, primeiro, co concello de Láncara (entre Valdriz e Entrámbolos Ríos, onde desemboca o río Sarria) e, despois, co do Páramo ata a súa desembocadura no río Miño. Neste último caso hai unha excepción, xa que existen 160 hectáreas na outra beira do Neira que forman parte do concello do Corgo. Trátase do lugar de Reconco, que tamén pertence á parroquia de Cela e que se comunica co resto da veciñanza a través da mencionada Ponte de Neira.

Ese mesmo río que divide e une foi aproveitado dende tempo inmemorial para a pesca (pesqueira de Reconco), para moer o pan e o trigo (muíño de Chousa e da Ponte de Neira, este último, totalmente destruído na actualidade), para regar (presa e nora de Cela), para afiar (moa de Reconco), para serrar ou fabricar luz (muíño de Chousa, de novo), entre outros moitos labores (lavar, beber, refrescarse no verán...). E todo isto que acabamos de comentar atopámolo nunha franxa de apenas un quilómetro augas arriba da Ponte de Neira e 500 metros augas abaixo, dentro mesmo da parroquia de Cela.

Hoxe, a maior parte deses usos foron caendo no esquecemento e o río adquire, cada vez máis, un uso recreativo. Cantos mozos e mozas desfrutamos dun bo baño na Ponte de Neira cando non había praia fluvial nin piscina no Corgo! Ou cantos gozamos de bos manxares nas dúas casas de comidas que alí se atopan (Río Neira e Novo), sobre todo troitas e anguías, especialidades do lugar.

Soñar coa recuperación do aspecto orixinal da ponte (sen as varandas metálicas e as ménsulas que hoxe ten co fin de gañar anchura para o tráfico rodado) é fermoso e gratuíto pero somos conscientes de que a construción dunha variante da estrada provincial cunha nova ponte, augas abaixo, suporía un gasto elevado. Sería espléndido volver a ver o muíño de Chousa e a nora de Cela funcionando grazas á iniciativa privada porque a maiores do proveitoso do seu uso sería unha lección de arqueoloxía industrial para as novas xeracións. Máis doado, aínda que tamén complexo, sería a recuperación do estragado caneiro e a construción dunha zona de baño ao pé da ponte. Mais son consciente de que todo iso son unha presada de ilusións e soños lanzadas ao ar coa finalidade de que alguén as apreixe como súas e as faga realidade. Con elas fariamos desta zona do concello un lugar ben especial non só para os corgueses e as corguesas (xa o é na actualidade tal e como está) se non tamén para o resto de Galiza.

Comentarios