Opinión

A estafa eléctrica

É hora de gobernar para a maioría da cidadanía e non para un Ibex que non cansa de lucrarse a costa dos de sempre

O DOMINGO pasado o sindicato nacionalista CIG mobilizaba á poboación galega nas distintas cidades e vilas polo abuso e estafa que supón o continuo aumento do prezo da electricidade. Dende a CIG quéixanse do nulo papel que están a desenvolver os gobernos (galego e estatal) diante dunha escalada de prezos que non ten precedentes e ás portas dun inverno que empeorará a situación nas familias que son máis vulnerábeis economicamente, polo incremento do consumo de enerxía eléctrica. Máis nas mobilizacións do domingo, nas que tamén estaba presente o BNG, non só houbo berros de queixa pola situación, senón que se verteron distintas propostas e solucións para atallar o escandaloso aumento do quilowatt-hora.

Se no pasado as mellores terras galegas quedaron anegadas polos encoros franquistas hoxe volve a repetirse ese movemento colonialista nos nosos montes (as terras altas para poñer macroaeroxeradores, as máis baixas para sementalas de eucalipto). Pois unha das propostas pasa pola creación dunha empresa pública galega de electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxas concesións remataran. Reverter para uso público esas instalacións axudaría a controlar prezos nun paso á inversa ao dado nas dúas últimas décadas do século XX. Felipe González abriu o camiño da privatización de Endesa (coas saídas a bolsa de 1988 e 1994) pero foi José María Aznar co que pasou de ser unha empresa semipública a unha maioría privada coa oferta pública de venda de accións do 35% da participación do Estado no 1997, ao que seguirían outras operacións posteriores. Algo semellante pasou con outro dos actuais xigantes enerxéticos, Repsol, e receptor de políticos retirados nos seus consellos de administración para seguir influíndo nas decisións estratéxicas independentemente de se no Estado goberna o PP ou o PSOE.

Outra das solucións que non aceptan os dous grandes partidos estatais é a da tarifa eléctrica galega. Temos dito en varias ocasións que Galiza é unha nación claramente excedentaria na produción de enerxía eléctrica, exportando unha media do 30% en favor do desenvolvemento económico, social e industrial doutros territorios (especialmente Madrid). Mentres que 8 de cada 10 concellos galegos dispoñen xa dalgunha instalación de xeración eléctrica, a rede de subministro no rural rompe nos primeiros refachos de aire do outono (deixando núcleos de poboación sen electricidade durante días), as empresas electrointensivas instaladas en territorio galego ameazan con pechar ou vemos como pagamos un recibo da luz máis alto do que pagan en Madrid cando os custes de transporte son pequenos. Se xa pagamos social e ambientalmente as consecuencias da instalación das distintas centrais eléctricas non é xusto que paguemos máis cara a electricidade que un consumidor que se atopa a 600 km de distancia dos centros de produción.

A falla de autonomía política tamén está a afectar ambientalmente a Galiza co baleirado de encoros como os de Belesar, Salas, As Portas ou Cenza.

Co quilowatt-hora en máximos históricos ás grandes compañías enerxéticas só se lles ocorre baleirar os encoros nun escandaloso lucro e coa anuencia dos responsábeis técnicos e políticos do Estado. Tendo en conta a importancia destas infraestruturas para o abastecemento de auga para consumo humano, como puntos de captación para os medios aéreos contra o lume, para uso recreativo, e como reservas naturais, pechar os ollos diante destes abusos non é de lei.

Galiza necesita de máis soberanía política para atallar eses problemas e os partidos que gobernan tanto na Xunta como no Estado precisan de máis valentía á hora de tomar decisións importantes e contundentes. É hora de gobernar para a maioría da cidadanía e non para un Ibex que non cansa de lucrarse a costa dos de sempre.

Comentarios