Opinión

30 anos despois: chegou (onde chegou)

O luns desta semana chegaba, con tres décadas de retraso, o tren de alta velocidade a Ourense. Inaugurábase por todo o alto cunha viaxe ateigada de personalidades estatais e autonómicas. As redes sociais fixéronse eco decontado e comezaron a aparecer simpáticos ‘memes’, viñetas xornalísticas e incluso un vídeo denominado Benvido... míster Ave que parodiaba a maxistral película de Luis García Berlanga. O pobo galego amosaba, con retranca, que está farto de chuchar o dedo e que a chegada da alta velocidade a Galiza contrasta coa mala conectividade ferroviaria a nivel interior.

Efectivamente, no "no 2021: XXXIV ano da era Baltar"” os madrileños/as terán a fortuna de poder achegarse a Ourense (a tomar uns baños, a comer o polbo...) nun abrir e pechar de ollos, así como os ourensáns/sás de poder emigrar á capital do Estado a fume de carozo, porén a mobilidade interior segue demostrando un atraso secular como leva denunciando o BNG. O mesmo luns que El Rey, Pedro Sánchez, as ministras Raquel Sánchez e Yolanda Díaz, e Isabel Pardo de Vera chegaban a Ourense nunha viaxe supersónica, unha delegación do BNG de Lugo (Rubén Arroxo, Efrén Castro, Álex Penas...) viaxaba en tren á Coruña. Incribelmente a viaxe entre dúas cidades galegas separadas apenas 100 km durou o mesmo que a das autoridades que viñeron de Madrid ata Ourense.

É, polo tanto, unha boa noticia que non debe de adurmiñarnos porque só é o comezo do pagamento dunha débeda histórica á que non debemos de renunciar. E moito menos cando se cumpren case tres décadas da chegada do Ave a Andalucía, década e media da chegada a Catalunya ou unha á Comunitat Valenciana. As hemerotecas déixannos pegada do que foi unha tomadura de pelo histórica con sucesivos compromisos incumpridos que non fan máis que corroborar o tópico do «galego desconfiado» diante das promesas que veñen de fóra.

A primeira gran promesa incumprida foi a de don Abel Caballero que en maio de 1986, sendo ministro de Transportes, garantía a chegada do Ave a Galiza, anticipando dous anos despois, que esta sería realidade en 1993. O ministro remataría por desaparecer do panorama estatal e con el, aquel soño totalmente infundado. De feito a primeira pedra da alta velocidade na Galiza poñeríase no 2001 e dende aquela comezarían a chegar os distintos erros de cálculo: Magdalena Álvarez en 2010, Rodríguez Zapatero en 2012, José Blanco en 2015, Ana Pastor en 2018, Íñigo de la Serna en 2020 ata que chegou José Luis Ábalos que acertou ‘in extremis’ vaticinando que se abriría no segundo semestre de 2021.

Pasaron, dende que se puxo a primeira pedra, unha grea de 7 ministros/as polo ministerio de Fomento e catro presidentes do goberno, cun investimento de 10.000 millóns de euros. Queda por facer realidade a conexión interior como vimos antes. Cando cheguen os trens Avril, que permitirán velocidades de 330 quilómetros por hora, chegar de Ourense a Madrid levará 2 horas e 15 min mentres que esa duración superará as catro horas de media dende o resto de cidades galegas (á cola está Lugo que tardaría 4 horas e 45 min en chegar á capital do Estado). Outra batalla pendente é a conexión con Portugal comprometida por Zapatero e Sócrates para o 2013 e retrasada a 2040 pola Comisión Europea (conexión Vigo-Porto).

O acto de inauguración molestou tamén ás vítimas do accidente de Angrois (2013) que se concentraron para reclamar que se depuren responsabilidades. Oito anos despois seguen a agardar por unha investigación técnica independente xa que a que realizou o Estado español culpabiliza ao maquinista como único responsábel cando a Unión Europea ou o propio xuíz instrutor apuntan a fallos na avaliación de riscos da propia liña.

Comentarios