Opinión

3, 2, 1, adiante!

ANOVA indiscutíbel da semana foi ese sorprendente anuncio de eleccións ao Parlamento de Galiza efectuado polo señor Feixóo. Vistas as declaracións e as publicacións previas sobre o tema, podemos dicir que sorprendeu aos xornalistas afíns, sorprendeu aos seus e incluso semella que se sorprendera a si mesmo, que anunciou en varias ocasións que quería esgotar a lexislatura. A nova foi unha bomba porque afeitos como estamos a que dende as filas populares e socialistas nos teledirixan dende Madrid, ver como un presidente nacionalista nos marcaba unha data electoral dende Bilbao causou dende logo estupor na poboación galega. Así que sen moitas explicacións convincentes xa estamos inmersos na precampaña do que serán as quintas eleccións para os galegos e galegas en apenas 12 meses (despois das dúas xerais, as europeas e as locais do 2019).

Pese á sorpresa xeneralizada, os dous principais partidos a facerlle fronte ao PP teñen engraxados os motores electorais dende hai meses. O PSOE conta cun candidato sólido dende 2018 despois de eliminar, de xeito máis ou menos silencioso, a toda oposición interna ao longo dos últimos comicios celebrados. Tan só hai que agardar para ver se todas eses feridas internas tiveron tempo dabondo para cicatrizar ou se as espadas se estiveron gardando para o momento onde ao líder lle toca render contas. Sexa como sexa, Gonzalo ten que medir as consecuencias dos seus actos e os dos compañeiros capitalinos para non meter a pata nestes 50 días. Errou totalmente ao apoiar a facenda estatal na problemática do Ive cando o que se xogaban eran 200 millóns de euros do 2017 (unha problemática, por certo, xerada polo goberno popular do señor Rajoy e que fóra das cuestións técnicas ten doada solución se houber un mínimo de compromiso).

O outro erro do PSOE veu esta semana dende Madrid, aínda que ten a súa parte lucense, tralo anuncio de Isabel Pardo de Vera de que non se prevía ter o Ave operativo ata a primavera do ano 2021. Remontándonos preto de trinta anos cara atrás, imaxinades que as obras do Ave a Sevilla remataran no medio (con sorte!) da celebración da Expo de 1992? Pois semella que o Goberno central non está moi comprometido co Xacobeo 2021, que sen ser o modelo de explotación turística e cultural máis perfecto que coñezo, traerá no vindeiro ano dez millóns de turistas, 11.500 empregos e un impacto no PIB do 0,9% (ou iso é o que contempla o plan estratéxico presentado aos medios de comunicación).

Falando de erros, o PP debe tamén revisar a súa axenda para Lugo. Gustaríame saber quen foi o asesor que decidiu abrir neste intre a batalla coa cidadanía lucense por mor do uso do cuartel de San Fernando. Non aprenderon do erro da hemodinámica, negándolles aos lucenses un servizo máis que necesario, e con elo limitaron as aspiracións do seu candidato á alcaldía de Lugo. Sabemos que a cultura non mobiliza a tanta xente como a sanidade pero o PP decidiu dinamitar un consenso claro para que o vello cuartel de San Fernando se convirta no referente da romanización en pleno centro histórico da cidade bimilenaria. Nin aprenderon dos seus erros pasados nin dos de outros, pois xa Ciudadanos se tivo que comer a feliz idea de construír alí un colexio público.

E diante do anuncio electoral de Alberto vemos como Ana Pontón, cun aparello ben engraxado e un equipo unido, tivo que adiantar a súa incorporación á vida pública despois de nacer a súa filla Icía hai tan só tres semanas. Mentres, o resto de partidos saen con desvantaxe por carecer de candidato/a. A alianza Podemos-EU-Anova-exalcaldes terá que sufrir o duro drama de facer un puzzle de caras cando as enquisas prognostican moitas menos pezas que en comicios anteriores. Por outra banda, Vox non logrou, ao longo destes últimos meses, construír unha mínima estrutura territorial na Galiza e será unha sorpresa que cheguen a formar parte do taboleiro político galego a partires de abril. Quen xa podemos dar por finiquitados son os proxectos de Ciudadanos e Marea á espera da integración dos seus membros noutros partidos afíns.

Comentarios