martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

12 de outubro

O 12 de outubro máis as rúas de Madrid amenceron cheas de persoas uniformadas dispostas a celebrar o día da Hispanidade, día da Festa Nacional e outrora día ou festa da Raza (que hoxe queda menos bonito). Celébrase que xusto a noite do 11 ao 12 de outubro de 1492 a expedición de Cristóbal Colón chegaba por erro a América, en concreto á illa de Guanahaní, para cambiar o rumbo da humanidade.

Non son das persoas que guste de facer revisións históricas dende os lentes actuais pero sempre me preguntei se España non tería nada mellor que celebrar que a data na que comezou o maior xenocidio da historia da humanidade. Varios historiadores apuntan á morte do 95% da poboación total americana (tan só México tivo unha diminución de 24,5 millóns de habitantes entre 1518 e 1623 segundo os investigadores de Berkeley, Sherburne F. Cokk e Woodrow Borah) froito dos distintos masacres e a propagación de enfermidades. Os pobos indíxenas non necesitaban ser descubertos por Europa, non precisaban da súa lingua, da súa cultura nin da súa relixión. Porén España si que necesitaba do seu ouro e os seus metais para sustentar a monarquía e os seus soños imperialistas.

O propio Papa Francisco pedía recentemente perdón ao pobo mexicano, a través dunha carta, "por todos os pecados persoais e sociais, por todas as accións ou omisións que non contribuíron á evanxelización", algo que non gustou, como era de esperar, á ultradereita española representada por Vox, nin ao sector máis rancio do PP, con Ayuso ou Aznar de bandeiras.

A golpe de corneta as autoridades civís e militares ocuparon, outro ano máis, os seus postos para ver desfilar o Exército e como o ceo se tinguiu coas cores da bandeira rojigualda (este ano un pouco máis republicana) a costa da Patrulla Águila (que tamén a pintou este 25 de xullo nos ceos de Compostela). Por se o acto non fose o suficientemente rancio, non faltou o desfile da lexión, cabra incluída.

Pero polas rúas de Madrid houbo tamén outros desfiles, o dos pobos latinos que celebran a súa dignidade fronte ao imperialismo e colonialismo destrutor. Porque 500 anos despois as súas culturas non foron aínda aniquiladas e debaixo dos seus apelidos casteláns flúe sangue indíxena. Son a representación do orgullo e da resistencia dos pobos americanos que desfilan de xeito pacífico por Madrid co colorido das súas roupas e a harmonía das súas músicas reclamando visibilización e reparación histórica.

A maiores, o 12 de outubro espertabamos coa nova do pasamento de Paco Pestana nos xornais impresos. Un infarto roubábanos a un dos artistas lucenses máis coñecidos das últimas décadas, xerando un baleiro inconmensurable na sociedade local. Como corgués que son, sempre asociei a Paco Pestana a outro Paco: Francisco Otero Besteiro. Ambos os dous artistas, de procedencia rural, naceron a menos de dez quilómetros: Pestana en Peredo (A Frairía) e Otero no Mesón do Caldeiro (Campelo). Os dous foron artistas multidisciplinares destacando no campo da escultura e nos dous era difícil de desvencellar a obra da personalidade mesma xa que a súa presenza era arte propiamente dita.

Pestana foi unha persoa irónica, divertida, provocadora, elegante que se facía ver por onde pasaba. Nunca esqueceu as súas orixes e dese compromiso saben dabondo os seus veciños da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde que antonte o homenaxeaban na súa despedida, ou o concello en pleno que lle facía entrega da distinción de Fillo predilecto (xusto un mes antes), nun acto no que Manuel Varela era nomeado Fillo adoptivo e Ricardo Polín Cronista Oficial. Os museos lucenses, as galerías de arte, as rúas en xeral quedan orfas dun artista único que transcendeu á súa obra: sit tibi terra levis, Paco.

12 de outubro
Comentarios