Opinión

100 anos da Selección galega

Cando era mozo, e pese a non xogar ao fútbol (nunca fun moi habilidoso co balón), sentía paixón por ese deporte. Sufría coas derrotas do meu equipo e vivía xutes de felicidade cando este gañaba algunha competición. Era tema de conversa nos recreos dos luns cos amigos e amigas e dalgunhas chamadas despois dos partidos contra o máximo rival, para axitar os ánimos dos perdedores. Pasaron os anos e a paixón esmoreceu de xeito proporcional á mercantilización deste deporte (supoño que tamén aos anos cumpridos). Fútbol e diñeiro, un binomio elevado á máxima expresión no Mundial encetado este domingo en Qatar, onde centos de millóns de persoas en todo o mundo acoden a diario a unha televisión para observar a xenuflexión das sociedades democráticas diante do Deus Diñeiro, tan ben representado por Evelyn De Morgan no cadro ‘The Worship of Mammon’ en 1909.

Un Mundial xogado nun país sen tradición futbolística e cunhas condicións climáticas complexas, aspectos para min totalmente secundarios se se comparan coas graves carencias no cumprimento dos dereitos humanos, das condicións laborais, a ausencia de liberdade de expresión, un patriarcado exacerbado ou unha homofobia absolutamente vergoñenta. A selección española é partícipe, como o resto de países europeos, dunha hipocrisía que a FIFA repite periodicamente (ten habido outras sedes en estados con condicións semellantes).

Pero se me animo a escribir este artigo é porque o sábado pasado se cumpriron cen anos do primeiro partido oficial da Irmandiña, ou o que é o mesmo, da Selección galega de fútbol (recomendábel o libro ‘O fútbol na sociedade galega’ escrito por Afonso Eiré en 1998). O escenario dese encontro foi o Campionato Interrexional (tamén coñecido como Copa Príncipe de Asturias) que tiña como unha das finalidades preparar a participación nos Xogos Olímpicos de París no 1924. Na competición participaron os combinados de Asturias, Biscaia, Guipúscoa, Catalunya, Levante, Sur, Centro e Galiza. No primeiro partido, xogado en Coia, os galegos (pantalón azul e camisola branca) gañaban por 4 a 1 á selección do Centro do Estado, con goles de Chiarroni, Polo, Pinilla e Ramón González (ata o gol marcado pola selección castelá foi do coruñés, Monjardín, daquela xogador do Real Madrid) e arbitraxe do portugués Ivo Lemos. A semifinal xogaríase en Sevilla en xaneiro de 1923, gañando de novo 1 a 4 o combinado galego ao do Sur. Na final, disputada en Vigo un mes despois, perderiamos xa contra o combinado de Asturias por 3 a 1.

Eran bos tempos para o fútbol galego. Dous anos antes, tres galegos acadaban a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Amberes: Moncho Gil, de Vigo, Luís Otero, de Pontevedra e Ramón González, da Coruña (este último non chegou a pisar o terreo de xogo por lesión). A propia selección galega xogaría durante o seu primeiro ano nove partidos máis con grande éxito, sorprendendo que tan só xogase outros trece encontros dende finais de 1923 ate a actualidade debido o desleixo da Federación Galega de Fútbol (o último partido celebrouse en maio de 2016 con empate a uns fronte a selección de Venezuela).

Queda aínda moito camiño por andar para ver a Selección galega de fútbol (ou doutro deporte) xogar en competicións internacionais pese o pequeno avance dado trala modificación do artigo 44 da Lei do Deporte. E cambiando de tema, pero falando de centenarios importantes para a nosa terra, tamén se cumpren os cen anos do comezo da construción da sede do Banco Pastor no Cantón Pequeno da Coruña (con 11 plantas), que foi o edificio máis alto do Estado ata a construción da sede de Telefónica na Gran Vía madrileña (con trece pisos), obra dos arquitectos Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés, que aínda loce maxestoso pese ás múltiples absorcións posteriores do banco de Pedro Barrié.

Comentarios