viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

Xogando con veleno

PERMÍTANME que comece cunha regra de tres verbal: Se quen xoga con lume acaba queimándose, quen xoga con veleno acaba envelenándose.

A Unión Europea aínda permite, até o ano 2022, o uso do glifosato, ese polémico herbicida que, a tamén polémica empresa Monsanto, creou. Nada impide que calquera dos países da Unión se adiante e o prohiba. Austria foi o primeiro en facelo para todo o seu territorio.

Son moitos os lugares do mundo con restricións parciais e non menos os que anunciaron a súa prohibición nun futuro próximo. No Estado español Barcelona, Madrid e Zaragoza xa o teñen proscrito.

Á marxe de quen o defenden e o declaran inocuo, sábese que, ademais de danar os acuíferos, ataca as abellas, fundamentais na polinización. En 2015 a Axencia Internacional de Investigación do Cancro, dependente da Organización Mundial da Saúde, incluíuno na listaxe de produtos probabelmente canceríxenos. Daquela, por que non se prohibiu "desde xa"?

Se no mundo mandase o sentido común, ese que tanto escaseou sempre, non nos arriscaríamos nin un segundo máis a colaborar na destrución do planeta que nos alberga. Porén, mandan as grandes empresas que, no canto de argumentos racionais, teñen carteira.

Quen é quen, nun mundo xusto, de gastar para o propio proveito o que pertence a todas e todos? Certamente, a especie humana non aprende o que é a súa morte, por máis que esta lle ofreza adiantos incontrovertíbeis de a onde se dirixe.

Cristina Fontenla, pontevedresa de nacemento e, ademais de veciña de Lugo, luguesa pola banda materna, deunos hai uns días unha lección de ecoloxismo. Certo que o recibiu desde o cordón umbilical da súa nai, Adela Figueroa, tamén activista incansábel a prol da natureza.

Xa no municipio de Lugo, na estrada de Santiago, Cristina deu cunha máquina que deitaba glifosato nas marxes. Sen dubidalo un segundo, interceptoulle a marcha co propio automóbil. Seica non era a primeira vez que o facía e, como noutras ocasións, perdeu a batalla por mor da normativa vixente e a intervención da Garda Civil. Porén, a súa acción foi moito máis que un xesto de rebeldía, porque puxo sobre a mesa a incoherencia dun país que, tendo un Ministerio de transición ecolóxica, segue a envelenarse conscientemente.

É unha cuestión económica, xa se dixo. Dun lado, o beneficio dos que o fabrican e comercian con el. Doutro, o dos que o empregan para aforraren xornais na tarefa de erradicar as malas herbas. Máis unha vez, a tiranía dos cartos fronte ao imperio da razón e a vida.

A máquina que espallaba glifosato, paradoxalmente, era de Obras Públicas. A solución terá que vir, como noutros casos, de persoas valentes como Cristina.

Xogando con veleno
Comentarios