Opinión

Xeróglifo

SE É VERDADE que este mundo existe porque alguén o soña, sospeito que ese alguén xa se terá espantado de tan terrorífico pesadelo. En todo caso, paréceme moita tarefa para un só soñador ou soñadora. É por iso polo que considero que, do mesmo xeito que se convoca a xente a concentracións, eventos deportivos, ou mesmo a contemplar nubes e estrelas, habería que reunila para imaxinar un mundo distinto.

É evidente que, cando tras a Segunda Guerra mundial se fundou a Onu, a intención non diverxía moito do que estou a dicir. Da súa máis que patente ineficacia dan boa conta os conflitos que, setenta anos despois, asolan a terra. Descifrar o xeróglifo da paz e a non violencia segue a ser tarefa pendente. Ou, se cadra, non. O máis probábel é que xa estea descifrado, pero non lles conveña aos intereses duns poucos darse por sabedores. A paz é filla da xustiza e a xustiza implica un reparto máis xusto do pastel.

O conto é que na Onu, como na maioría das institucións, non pesan o mesmo todos os países que a integran. Sucede que, en moitos dos casos, ''está o raposo gardando as galiñas'' e, chegado o momento, é xuíz e parte. Dito con outros dous vellos aforismos, ''tanto tes, tanto vales'' e ''can non come can''. Daquela, os que máis precisan xustiza e solidariedade, pouco ou nada se benefician deste organismo que se autoproclama ''portavoz dos intereses dos pobos do mundo, en particular dos pobres e vulnerábeis''.

O cemiterio do mar medrará ao mesmo ritmo que a desesperación da xente que só pide pan, paz e casa

Porén, negar a importancia e incidencia positiva de certos organismos dependentes da Onu como Acnur (Axencia da Onu para os Refuxiados), ou a Fao (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación), entre outros, sería mentir, aínda que os seus medios son a todas luces insuficientes.

Malia a presunta ou expresa preocupación dos mandatarios europeos, as accións destinadas a atacar na raíz os problemas que impulsan a tantos seres humanos procedentes de África a se embarcar nunha incerta travesía, seguirán a ser poucas e tibias. O cemiterio do mar medrará ao mesmo ritmo que a desesperación da xente que só pide pan, paz e casa. E nós falaremos pouco destas cousas, máis que nada para que non nos atribúan boísmo ou ‘buenismo’, esa palabra de uso crecente na que nos escudamos a miúdo.

Un traballo aquí -pan e casa, xa que logo- tamén pide a mocidade que, por non achalo, emigra e fai máis grande aínda o maior dos problemas deste país, o envellecemento e perda de poboación. É o teorema do absurdo, ben doado de demostrar, a lóxica dos que, por principio, desbotan a utopía. A ela, á utopía, os convido. Soñemos un outro mundo, tan imposíbel como fermoso. Só así chegará.

Comentarios