Opinión

Vostedes son culpábeis

HAI ANOS que me referín neste mesmo lugar á clasificación que facían os gregos dos cidadáns: politikoi e idiotikoi. Os primeiros ocupábanse dos asuntos públicos, a construír a polis. Os segundos só se empregaban nos seus asuntos privados e particulares.

Goberno e oposición deben ser politikoi. Porén vivimos tempos en que bastantes políticos son puros idiotikoi. O que menos lles importa é a esperanza que o pobo depositou neles. O mundo xira arredor do seu embigo, ou sexa, das súas aspiracións puramente biográficas dentro do partido. Para o que están aí é unha cuestión secundaria.

Véxanos, moitos deles viscerais e agresivos, a tomar a palabra para insultar e descualificar, non para faceren propostas que acheguen melloras ao conxunto da sociedade. Escóitenos, a usar falacias como premisas, para así tirar conclusións tan falsas como o exercicio perverso da que tería que ser unha actividade nobre.

(Emprego, por economía expresiva, o bixenérico, xa que, evidentemente, tamén inclúo mulleres vinculadas a esta actividade). Señores e señoras idiotikoi, vostedes son culpábeis da desafección da xente polos asuntos públicos. Vostedes maledúcannos e dannos un pésimo exemplo de como se deben dirimir as diferenzas. Vostedes están a nos roubar, porque foron postos onde están para construír, non para derrubar as paredes da casa que se pretende edificar, a de todas e todos.

Vemos con pavor o que está a suceder en distintos lugares do mundo. Certo que os acontecementos de maior actualidade teñen unha xénese ben diferente do que acontece aquí, mais algúns semellan empeñados en traernos á memoria o que, por outra banda, pretenden que esquezamos. Xogan con lume, dispostos a incendiar aquilo ao que lle declaran amor.

Permítanme que faga unha persoal Catilinaria, que é tamén a de moitas das persoas coas que falo: Até cando van esgotar a nosa paciencia? Até cando seguirán a burlarse de nós e a insultar a nosa intelixencia? Até cando seguirán faltándose ao respecto a si propios?

Disintan, razoen, propoñan e contrapoñan, mais falen do que nos importa ás maiorías e/ou ás minorías, as cousas do corpo (pan, casa, saúde, ecoloxía, traballo) e as cousas do espírito (cultura, liberdade, arte, lingua); mais déixense de liortas que non levan a ningures.

Anunciáronsenos eleccións galegas para o 18 de febreiro: agardo que o tan invocado sentidiño guíe a todas as formacións e candidatos para que o foco non se afaste do que importa, os proxectos e os programas. O ti, máis ou ti, menos xa está moi visto e empeza a non ser eficaz. Por sorte decatámonos de que non somos mulas e non consentiremos levar anteolleiras.

Comentarios