Opinión

Vivir, nin máis, nin menos

Mentres algúns xogan a vida no loábel labor de rescatar os náufragos que, en fráxiles embarcacións, foxen da guerra e da miseria, outros cóutanlles as esperanzas e a vida ao mesmo tempo. Ademais, cobran por facelo porque son funcionarios das forzas de seguridade dun e doutro lado da fronteira. Os verdadeiros responsábeis, os que dan as ordes,  póñense de perfil e prometen investigacións; mais os mortos, os cadáveres, como no poema de César Vallejo, seguen morrendo.

É doado botarlles a culpa ás mafias, que tamén a teñen. Secasí, se as mafias traballan é porque a persecución móstrase máis encarnizada  coas vítimas que cos vitimarios. Aquelas, se empregan a violencia, é porque a fame é máis dura que o medo que as habita. Estes, os vitimarios, tiran proveito da súa necesidade extrema e, ademais de enganalos e estafalos, semellan quedar tranquilos cando o mar engole os seus indefensos pasaxeiros coma pecados. 

Pecados, si. Iso son por pobres e vulnerábeis, por levaren a desorde ao ben regulado mundo europeo ou norteamericano, por non seren, polo menos en principio, potenciais consumidores da plétora de tecnoloxía e demais servizos que fornece a sociedade capitalista a quen os poida pagar.

Arredor de corenta mortes en Nador, no Rif, porque agora o amigo marroquí nos quere axudar nisto da inmigración ilegal. Cincuenta en Texas, no remolque dun camión, talvez a causa da calor e a sede, procedentes de México e países de América Central. Non viaxaban precisamente por turismo ou afán de aventuras. E poderíamos seguir a falar de éxodos e fronteiras e mortes e persecucións e fames e xenofobias e...

Porén, estes países invadidos polos ninguén de outras nacións, aseguran que protexen a vida. E si que o fan. Prohiben o aborto, prohiben as doenzas e por iso, ou deixan morrer de inanición a sanidade pública, ou non a teñen e, quen queira sandar, terá que contar con recursos propios ou morrer. 

Coido que estas cousas terán presenza no cumio da Otan, aínda que para máis do mesmo. Todo o esforzo hase centrar na adquisición de armas e reforzo dos exércitos que deben protexer con máis violencia uns sistemas dela nacidos. Ou non son violencia a desigualdade, a inxustiza, a destrución da terra en aras do beneficio duns poucos, o racismo, o machismo e mesmo as fronteiras? 

Cantas guerras máis precisamos para demostrar a irracionalidade da condición humana? 

O paradoxal é que, os que só aspiran a vivir en paz sexan os que pagan a factura. "¿Cuando vendrá ese pintor / que pinte lo que yo siento? / Ganas de vivir la vida / sin pesares ni tormento", cantaba Atahualpa Yupanqui. Cando impere a humanidade.

Comentarios