martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Vivir é agora

SEMELLA QUE setembro é a proba irrefutábel de que todo é efémero. O verán toca á súa fin, e o outono, antesala do inverno, bota a súa patiña por baixo da porta coma o lobo do conto. Polo título dun tema seu, Melancolie in settembre, lembramos o cantautor italiano Peppino di Capri. É unha canción de despedida porque un amor de verán morreu e fica borroso na néboa. Porén, aquí non se fala de amores adolescentes, senón da fugacidade dos días. Día equivale a luz e a luz foxe dacabalo deste mes que, despois do dolce far niente das vacacións, nos enfronta ao traballo e ás súas cadeas.

Aínda que hai anos que estou xubilada, non me libro do nomeado síndrome posvacacional. Non é que teña dificultade para adaptarme de novo á vida activa, como adoita acontecer neste caso. É ese sentimento difuso de perda ao que non lle podemos pór nome sen acudirmos ao campo semántico da saudade.

Nas actuais circunstancias tendemos a adiar a vida como quen adía a data dun casamento ou doutra celebración calquera, á agarda de tempos mellores. Craso erro o noso. A vida é cando é, e é agora. Por máis que o pasado inflúa no presente, só o fai como o esterco nas plantas, a nutrilas coa súa descomposición. E o futuro, ben se sabe, non ten entidade até que devén presente.

Por iso, máis unha vez, fago e fágome unha chamada a explorar e lles tirar o zume a todos os momentos que chegan, sexan como foren. Seica John Lennon dixo: "A vida é o que che vai sucedendo mentes ti te ocupas facendo outros plans". E sucede con frecuencia que eses plans responden a un tempo e unhas circunstancias que xa non son nin volverán quizais. Sentarse a agardar por eles é desbaldir o tesouro real do presente.

Non sei se a creatividade e a intelixencia son a mesma cousa ou se calquera delas é parte da outra; mais non dubido de que, polo menos, son irmás siamesas. Na liña de Stemberg, a creatividade sería a capacidade de idear algo novo e útil ao mesmo tempo; a intelixencia, a habilidade para se adaptar voluntariamente, para moldear ou seleccionar un contorno. Dito con outras palabras, achar solucións novas a problemas novos. Os de agora sono en gran medida, polo tanto é intelixente e creativo procurar outros vieiros.

Alguén terá que persuadir a moita xente moza de que, se para ser feliz precisa facer parte de multitudes despersonalizadas ou asistir a botellóns salvaxes, non está verdadeiramente viva.

Vivir é agora. Agora é consciencia e conciencia dos momentos. Os momentos son as doas que ensartamos no colar da existencia, esa aventura irrepetíbel como a definiu a poeta amiga María do Carme Kruckenberg, xa no alén. Que setembro non nos desbarate o colar.

Vivir é agora
Comentarios