Opinión

Valor e bágoas

Alén das crenzas e da liturxia cristiá, non é difícil comprender que é Venres Santo e alguén inocente, en algures, está a sufrir tortura, escarnio e morte.

Ben sei que nos gusta máis centrarnos no lecer destes días, nas posibilidades de romper a rutina laboral e familiar para coller pulos e seguir tirando da carga, en todo caso ben diferente segundo as persoas e as circunstancias. Porén, é xusto e saudábel botar unha ollada arredor e ver como noutras partes do planeta a carga non pesa, esmaga.

Tense dito que a cima só se aprecia polo abismo que coroa. Desde a cima maior ou menor do noso benestar, as imaxes que nos fornecen os medios de comunicación apenas conseguen conmovernos e desacougarnos por uns instantes. Déixannos, como moito, un saibo amargo, un retrogusto áspero, que dirían os catadores de viño. Secasí, non tomamos partido: aliñámonos coas persoas ‘prudentes’, as que entregan a propia conciencia a quen ten o mando; nun xesto semellante, mais inverso, ao de Pilatos cando lavou as mans. Este pousou a súa responsabilidade no pobo que berraba "crucifícao". Nós pousámola nos gobernantes e non berramos abondo contra a venda de armamento ou a contaminación, fillas ambas da cobiza, que provocan morte, catástrofes e fame no mundo.

O Venres Santo de 2011 citei nesta mesma sección a Jules Supervielle. Advirto que non se trata dun teólogo, senón dun poeta franco-uruguaio fillo dun banqueiro. Na súa poesía, traducida do francés por diversos autores da Xeración do 27, as preguntas sobre a existencia entrecrúzanse coas preguntas sobre Deus. Uns versos dun seu poema titulado ‘Tristeza de Deus’, din: "Tan só vos puiden dar o valor e as lágrimas".

As bágoas témolas aseguradas desde o nacemento. O valor, se cadra, non tanto. De calquera maneira, se nos interrogamos sobre o emprego que facemos das unhas e do outro, coñeceremos o leitmotiv da nosa vida; saberemos, dito en metáfora vella, que auga move o rodicio do noso muíño.

Lágrimas solidarias con quen sofre ou lágrimas de frustración por non acadarmos a riqueza e gloria que ambicionamos? E non meto neste ‘lacrimario’ (recipiente para recoller bágoas) as vertidas polas perdas de quen amamos ou por outras dores naturais.

Valor para enfrontarnos ás inxustizas, para lles plantar cara aos poderosos, ou para manter prácticas suicidas con nós e agresivas cos outros? Tampouco meto no saco das afoutezas as que atinxen á loita de cada día.

Ser crentes ou non selo, non nos pode eximir da dose necesaria de humanidade. Saben que humano vén de ‘humus’, terra. Dela procedemos todas e todos e esa si é unha certeza. Por riba dela ou ao carón, se temos fe, o sangue do Irmán Maior. Hoxe.

Comentarios