viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

A vaixela de Sargadelos

ESTA HISTORIA xa a contei noutro ton e lugar hai máis de nove anos. Á luz de todo o que se está a coñecer desde que a familia Franco se viu obrigada a devolver a propiedade de Meirás, paréceme oportuno traela aquí.

Tiven a fortuna de gozar da amizade de Teresiña Vilar Chao, filla de Ramón Vilar Ponte, un dos promotores e ideólogo, xunto co seu irmán Antón, das Irmandades da Fala. Folga dicir que isto, sumado á súa pertenza á Organización Republicana Gallega Autónoma (Orga), pola que foi alcalde de Viveiro de abril a outubro de 1931, e a afiliación ao Partido Galeguista desde 1932, motivou a súa persecución no franquismo. A propia filla contaba como a súa morte fora consecuencia dunha malleira que lle deran os falanxistas da Coruña.

Xantando na súa casa da rúa Juan Flórez, sorprendeume que puxera a mesa cunha vaixela de Sargadelos antiga e así llo dixen. Contoume que era dobre e estaba completa, que fora un agasallo da fábrica a un seu avó, médico alí. Seica Carmen Polo tivera noticia daquela xoia e non cesaba de lles mandar recado. Dez millóns de pesetas -anos cincuenta- lles ofrecera o emisario. ("Ninguén ofrece tanto coma quen non pensa cumprir", advertiu Quevedo).

Daquela relatoume o que fabularan o seu irmán, Xosé Ramón, o notábel pintor falecido aos 38 anos, e mais ela. O maior, Xaime, andaba por América.

Esixirían a presenza da rapina en persoa, sen intermediarios. Endexamais pensaran venderlla. A súa dignidade non tiña prezo, mais ían facer xustiza poética.

Estenderían a vaixela sobre un pano de liño branco, primorosamente bordado, sobre o que destacaría o azul cobalto da louza. A señora collería as distintas pezas e acariñaríaas coa mesma tenrura con que pousaba a man sobre o ombro do ditador, naquela fotografía de Burgos, cando el collía un churro coa esquerda e asinaba sentenzas de morte coa dereita.

Mentres, como nunha película en branco e negro, eles lembrarían cando de nenos, camiño da doutrina en Viveiro, escoitaban os insultos das beatas: "¡Hijos de comunista! ¡Hai que acabar con la simiente!" e outros recordos semellantes, propios ou alleos, destinados a cebar a carraxe e superar o medo ás consecuencias do que pensaban facer.

Estaría a ladra coa sopeira na man, a ponderar a súa beleza, cando Teresiña lla arrebatase para escachala contra o chan. Sería a consigna: Xosé Ramón tiraría do pano arrastrando con el todas as demais pezas.

Imaxinaban a estupefacción da señora e rían a gargalladas. Outra cousa non podían facer, porque amaban a vida e estimaban a memoria de días felices arredor da vaixela do avó.

Prometinlle á neta que o contaría.

A vaixela de Sargadelos
Comentarios