Opinión

Un saco de estrelas

PRECISAMOS ESPERANZA como precisamos ter sede para camiñar cara á fonte cando mancan as pedras do vieiro. Cómprenos un saco de estrelas para baleiralo sobre os corazóns e desbotar tantas sombras, porque a noite semella terse feito dona do mundo e dicimos Bagdad, Istambul, París, Bruxelas ou Niza para nomear tebras e sangue.

Así foi, así é a historia da humanidade: sempre urdindo ‘casus belli’ para destruírmonos, para repartir mortes como quen mitiga con pans envelenados a fame de dita que nos roe.

Porén, creáronnos para a felicidade e a concordia, eses froitos que soamente se dan no terreo da xustiza, atravesado polo río do amor e a empatía, lonxe de calquera fanatismo.

Sen entrarmos en maiores disquisicións filosóficas, gústame pensar que a suma do ben e o mal dan sempre un mesmo número, é dicir, son unha constante. Así que, na medida en que aumente o primeiro, diminuirá o segundo. E isto debe ser compatíbel coa idea de que, en realidade, o mal non existe de seu, senón que é a ausencia de ben.

E que podemos facer as persoas que non nacemos para heroes, como o son as que apostan a propia vida cada día no centro dos conflitos? Seguramente apañar estrelas para ese saco do que falaba antes. Estrelas ou vagalumes, luces grandes ou pequenas, que todas suman. Dito “en román paladino”, facer o ben.

Se o ben é querer para o próximo todo o desexábel para un mesmo, para unha mesma, o primeiro que se me vén á mente son as actuacións dos cruzados ou dos inquisidores de outrora, pouco diferentes na súa caza de infieis dos integristas de hoxe. Mais eles, desde o seu integrismo, pensaban que facían o correcto. Como sen dúbida o pensan os de agora, e estes até o punto de se autoinmolaren. Aínda así, uns e outros, confundían e confunden crueldade con fervor relixioso.

Cruzada foi tamén a guerra (in)civil, cuxo inicio lembramos o 18 de xullo no seu 80 aniversario. Filla, máis unha vez, da intolerancia revestida de fervor relixioso e españolismo, ambos en confusa amálgama. Como houbo tamén intolerancia -o que non xustifica o golpe- por parte de sectores anticlericais ligados ás esquerdas. Uns e outros coidarían facer o ben porque os malos eran os que pensaban diferente. As conciencias dos que, efectivamente, obraban con boa vontade apoiando unha ou outra facción, xustificábanse atribuíndo a rancores e intereses espurios os numerosos crimes que se cometeron.

Non serei eu quen opine que son os credos relixiosos ou políticos os que causan as guerras. A anomia, esa carencia das normas e valores que os deberían preceder, é quizais a culpábel de todo. Antídoto e avaliación de resultados? Un saco de estrelas chamado humanidade.

Comentarios