Opinión

Un paraíso que non se ha perder

COÑECÍN A Joan Carles Fogo, catalán, doutor en arquitectura ademais de escritor, nun congreso sobre a literatura do exilio en Logroño o ano 2009. Na reseña a un seu libro titulado ‘La generación del 27 y los paraísos perdidos’, di: "Estos escritores evocaron con frecuencia sus espacios habitados y una arquitectura perdida: el recuerdo de casas, ciudades y paisajes, en busca de paraísos como lugares de identificación personal. Este recuerdo de períodos vitales (…) se acentuó en la lejanía geográfica del destierro".

Desterro ou exilio forzoso, aínda que non por razóns políticas, foron tamén os longos anos que Xosé María Díaz Castro habitou só na lembranza a súa casa natal do Vilariño, nos Vilares de Guitiriz. Como expresou nun dos poemas de ‘Nimbos’, Galiza estaba nel, levábaa con el. Non é fabulación, xa que logo, dicir que os contornos do país se comezaron a debuxar no colo da nai, á sombra do pai, naquela chamada Casa de Cidre onde tamén se configurou o seu universo simbólico.

Como é sabido, o autor que dominaba dezasete linguas, á hora de escribir elixiu a inicial, aquela na que lle deran o pan e o leite primeiros, e non por casualidade ou por maior competencia lingüística que nalgún outro idioma próximo. Sabía ben o poeta con Heidegger que a lingua é a casa do ser e o lugar privilexiado da verdade.

Lingua galega, casa da infancia, berce do autor de ‘Nimbos’, memoria que regresa en cada pedra chamada a ser parte dun pardiñeiro (edificio en ruínas e deshabitado) se non se detén a desfeita.

Chove no interior da casa do poeta, a que o seu irmán Serafín, consciente do que significa, legou á Asociación Cultural Xermolos. Non pode pasar outro inverno sen lle atallar ao demoledor efecto do tempo e o abandono. Niso anda a devandita asociación. Petará en todas as portas, mesmo as de cada persoa particular que poida e teña a ben achegar o seu gran de area, por pequeno que sexa. Aí nos atopará a moitas e moitos arrimando o ombro porque confiamos no proxecto.

O proxecto é rehabilitar o vello edificio e poñelo ao dispor de todas as entidades culturais, ademais de dedicalo ao recordo do autor cuxo arquivo literario posúe tamén Xermolos e está accesíbel para cantos queiran estudalo. Así mesmo atoparán alí espazo as actividades relacionadas coa cultura e a riqueza natural da Terra Chá.

Ha ser un puntal máis para que o mundo rural non sexa varrido polo desleixo e a desmemoria.

Como non se perdeu o paraíso de Manuel María, a súa casa en Outeiro de Rei, hoxe lugar e motor de autocoñecemento para nós, tampouco deixaremos que se perda o de Díaz Castro. Ambos chairegos admiráronse mutuamente e deixáronnos a riqueza da súa palabra. Debémosllelo.

Comentarios