lunes. 10.05.2021 |
El tiempo
lunes. 10.05.2021
El tiempo

Un home para a paz

CONFESO QUE non sabía o nome do fundador da Cruz Vermella —Henri Dunant— até que o ceramista Alfonso Otero Regal me pediu que modelase o seu busto. Para iso, proporcionoume un sinxelo retrato do filántropo suízo que, á súa vez, lle pasara a el a organización en Viveiro. Servidora, que andaba daquela moi entusiasmada a realizar pequenas esculturas en gres, aceptou o reto. Ousada que é unha. Do resultado final non son eu quen deba opinar. Só podo dicir que estivo durante uns anos diante do posto de socorro, ao comezo de Covas. Unha noite, uns bárbaros baleiráronlle un bote de pintura branca por riba. Pouco despois, disque o afundiron no mar. Porén, todo o anterior é outra historia.

Hoxe celébrase o Día Mundial da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella. Trátase de recoñecer o traballo dos voluntarios e voluntarias que realizan un labor tan meritorio ao longo e ancho deste noso planeta. A data elixida é a do nacemento de Dunat.

Jean-Henry Dunant naceu en Xenebra o 8 de maio de 1828, no seo dunha familia acomodada, calvinista, moi solidaria cos pobres, orfos, presos liberados e doentes. Ademais da aprendizaxe familiar, na súa mocidade formou con outros rapaces unha asociación destinada a estudaren a Biblia e facer labor social cos necesitados. Despois de ser expulsado do colexio polas baixas notas, traballou na banca e emprendeu negocios, entre eles unha compañía de cultivo e venda de millo, tras unha concesión de terras en Arxelia, daquela ocupada por Francia. Por mor duns problemas coa auga do regadío, viaxou á Lombardía para se entrevistar co emperador Napoleón III, que estaba a loitar co seu exército, a favor do PiamonteCerdeña, contra Austria.

Chegou xusto o día 24 de xuño de 1859, día da cruenta batalla de Salferino. Naquela pequena poboación viu o campo sementado con 38.000 homes, entre feridos e mortos. Conmovido por tanta dor, organizou a mulleres e a rapazas novas para atendelos, independentemente de que pertenceran a un ou outro bando. El mesmo procurou os materiais médicos e organizou hospitais de campaña. O lema das mulleres era Todos somos irmáns.

De volta en Suíza, escribiu o libro Un souvenir de Salferino. Nel reflectía a idea da solidariedade universal. Foi o xerme da fundación do Comité Internacional da Cruz Vermella.

Despois viñeron períodos de esquecemento e indixencia por descoidar os propios negocios. Un artigo na prensa recuperouno para a memoria e a causa. En 1901 recibiu Ex aequo, co pacifista francés Frédéric Passy, o premio Nobel da Paz na súa primeira edición. Non faltaron detractores que o acusaron de facer, por menos cruel, máis atractiva a guerra. Retorto argumento!!

Un home para a paz
Comentarios