Opinión

Un home do Incio

A medida que as aldeas se baleiran, pérdese a memoria que non está escrita ou que, se o está, ninguén procura, precisamente por non ter noticia dela. Emporiso, percíbese en moitos concellos a vontade de recuperar persoas e historias apenas perceptíbeis no espello embazado do tempo. Así, por exemplo, fanse exposicións de fotografías cedidas pola veciñanza nas que regresan rostros festeiros en feiras e romarías, noivos coas galas do casamento ou emigrantes de traxes brancos con sombreiros de "jipijapa", tamén chamados panamás.

No Incio reivindícase agora a figura de Julia Espín, musa de Bécquer, quen por estar casada con don Benigno Quiroga Ballesteros, ministro de gobernación no reinado de Alfonso XIII, pasou longas estadías no pazo que este posuía na parroquia de Hospital, aínda en mans dos seus bisnetos.

Hoxe quero lembrar José Manuel López Balboa, Pepe de Arrieiro, a quen non coñecín en persoa, aínda que si ao seu pai -por certo, o primeiro defunto que vin na miña vida- e aos seus irmáns.

Seica foi un dos homes máis elegantes que circulaban polo Madrid da década dos corenta do século pasado, malia nacer e criarse no Incio, na aldea de san Román do Mao, primeiro, e, despois, na de Santa María. Disque aquel fillo de humildes labregos vestía sempre camisas de seda e gastaba zapatos mercados en Londres, tiña palacete de seu na rúa Evaristo San Miguel e unha finca de cen hectáreas en Valdemoro, a "Ermita de Santiago", na que se cultivaban cereais e en cuxos terreos de regadío se alimentaba abundante gando.

Estudara para cura no mosteiro de Samos e, próximo a recibir as ordes, abandonou a carreira e marchou a Madrid cabo dunha irmá para preparar as oposicións ao Ministerio de Estado. Sacou o número un e, a partir diso, fóra dalgún momento complicado, todo foi medrar na súa carreira de funcionario. Desempeñouse como correo diplomático entre Madrid e Viena, París, Berlín, Berna, a Santa Sede, Roma e Xénova, onde coñeceu á que sería a súa muller, Josefina Bottiglieri. Dominaba moitos idiomas e, no seu expediente do ministerio, como informa Germán Masid, consérvanse as magníficas traducións dos exames, realizadas en sete linguas. Cómpre salientar que as aprendera en por si, con gramáticas e dicionarios.

A pesar de todo, se López Balboa é coñecido e recoñecido entre os expertos, é polo seu lugar entre os bibliófilos que foron e son no noso país e fóra del. Coleccionista, editor e impresor, fixo da que foi gran paixón da súa vida, xunto coa agricultura, un negocio do máis rendíbel. Tiña unha gran vista para mercar exemplares únicos e non menos para vendelos.

"Mutatis mutandis", un Lázaro Galdiano galego.

Comentarios