sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Un canto común

MANUEL MARÍA deixounos dito que a poesía é canto común. Entendela así foi, seguramente, a fonte da grandeza do autor ao que no 2016 se dedicarán as Letras Galegas. Non practicou xamais o solipsismo, a crenza de que a realidade que nos rodea só pode ser entendida desde o propio eu, desde a nosa individualidade ensimesmada. Quixo ser, a semellanza de Rosalía, a voz do pobo que sofre e se rebela; mais tamén a voz do pobo que soña e goza da beleza e do amor, dos alimentos terrestres, para dicilo con palabras de André Gide.

Por iso o seu é o noso canto e en Manuel María nos recoñecemos as persoas que amamos este país, Galiza, que como el escribiu, somos nós, a xente e mais a fala, de aí o entusiasmo suscitado pola escolla da Academia da Lingua Galega: todas e todos premiadas con el.

Pregúntome que diría o que foi poeta, dramaturgo, narrador e articulista, se se puidese pronunciar verbo desta homenaxe, sempre póstuma. Intúo que non lle importaría moito, como non lle importaba que falasen ben ou mal del. E digo isto con coñecemento de causa porque, nunha ocasión en que alguén nos difamou en sucesivas entregas nun xornal, primeiro a el e despois a outros escritores e a min propia, podendo obrigalo a retratarse por tratarse de mentiras, dixo: "Deixádeo, se cadra sérvelle de desafogo". E non só iso, senón que mesmo mediou para que o volvesen admitir como colaborador. Non aforro esta anécdota porque é moi ilustrativa da bonhomía de Manuel. Do mesmo xeito trataba as loanzas e, ao referirse á propia obra, adoitaba dicir que non podía asegurar que tivese sequera rozado algunha vez a poesía.

Mais a poesía ía con el porque, segundo John Keats, "A beleza é verdade e a verdade é beleza" e Manuel María buscounas por igual.

Non, non traballaba para ser un día o dedicatario da celebración das Letras Galegas, o que lle interesaba era enviarnos a súa mensaxe. Porén, alegraríase e entristeceríase ao mesmo tempo ao comprobar a súa vixencia. Unha mensaxe vixente a expresar os eternos temas da poesía: vida, amor, paso do tempo, morte. Pero vixente tamén a denunciar os grandes problemas da humanidade en xeral e de Galiza en particular: Xenreiras e fanatismos que levan á guerra, imperialismo, pobreza, inxustiza, emigración, caciquismo, autodesprezo e perda da nosa lingua.

Quen isto asina ben quixera estar con el e Saleta, unha vez máis, a beber un viño, ‘competente’ como el cualificaba os viños de calidade, e ‘razoar’, como tamén el dicía, arredor das cousas que nos ocupan e preocupan neste caloroso verán de moitas novas ruíns e unha boa. A boa, xa o saben, chegounos o pasado sábado cando se pronunciou a Academia: Manuel María, Letras Galegas 2016.

Un canto común
Comentarios