Opinión

Entre 'El último cuplé' e 'La violetera'

Acudo a estas dúas películas protagonizadas por Sara Montiel para tentar un toque humorístico —’ma non troppo’— na miña achega de hoxe. O último, porque por desgraza non ha ser o derradeiro cuplé.  A Violeteira que, lonxe de ser ave precursora de primavera, devén escura ave preeira todo o ano. 

Fronte á impotencia de ver o raposo ao coidado das galiñas, de padecermos a infamia de quen antepón o propio proveito ao ben común, abrimos as comportas do humor a facer memes co enxeño e esforzo que precisaríamos para, dunha vez por todas, dicir non. Dicir non, como na cantiga do gran Raimon, e dicirmos, tamén con el, que nós non somos dese mundo. 

Non é preciso que aclare que me estou a referir ao caso dun tal Koldo García Izaguirre, asesor de Abalos, que disque se lucrou coas máscaras protectoras nos tráxicos días da pandemia. Seica non foi o único, mais iso non é consolo e corrobora a falta de escrúpulos duns poucos, non a inmoralidade de todos os políticos. Porén, todos son culpábeis por non esixir, xuntos, verdadeiras medidas para que a historia non se repita. 

Chama a atención que se poidan ocupar cargos de alta responsabilidade sen un exame psicolóxico previo, polo menos como o que se require para conducir un vehículo ou manexar unha arma de fogo. Algún test terá que existir para detectar a ambición desmedida de bens materiais, a falta de escrúpulos e a carencia da empatía necesaria para loitar pola mellora das clases sociais que máis padecen as desigualdades. 

Talvez sexa pertinente explicar que cuplé vén do ‘couplet’ francés, procedente así mesmo de ‘cobla’. O rendemento desta palabra nos  distintos ámbitos do folclore e da literatura non é do caso agora. Abonde con sinalar que deu na popular copla e, na literatura medieval galego-portuguesa, cobra. 

Da Francia posterior á revolución francesa chegou ao Estado español o cuplé político. Nunha ‘zarzuela’ imbuída desta sátira contra os que exercían o poder de costas ao pobo, cantábase: "Yo quiero ver cien nobles/colgados de un farol/racimo que algún día/vendimie la Nación". 

Aquí non se pide a eliminación física destes elementos incívicos e non menos perniciosos que a peste. Úrxese, iso si, á fabricación doutro xeito de máscaras, as contra-máscaras, que non cubran as súas duras caras de cemento armado. Así poderemos expulsalos da política á que tanto mal lle fan.

Váianse con eles as amentadas aves preeiras que, lonxe de buscar o antídoto, remexen na podremia para maior cheiror. Semella que, lonxe dese confronto do ‘e ti máis’, non teñen discurso.

Non haberá, entre uns e outros, quen soñe coa limpeza?

Comentarios