Opinión

Trump(oso), tramposo

XA NON SE di que, se se acatarra a General Motors, o mundo enteiro espirra. Mais os USA seguen a ser a primeira economía da terra e por iso as súas políticas transcenden as fronteiras. No momento en que escribo isto, aínda non se sabe quen presidirá aquel país. Porén, Trump manobrou e segue a manobrar para conseguir nos xulgados o que talvez non lle deron as urnas. Todo indica que non vai ser doado paralo. En resumo: dá medo.

Dá medo porque é un home, cando menos, amoral. En ningún contexto lle escoitei falar con empatía de nada e de ninguén, agás de si mesmo. Os cualificativos que mellor lle cadran son os de histrión, tramposo, megalómano, mentireiro, xenófobo, homófobo, machista e outros adxectivos ao mesmo teor, fillos todos da súa egolatría.

Se para posuírmos unha arma de fogo ou conducirmos un auto nos fan probas de saúde, como non llas fan a quen terá acceso ao botón nuclear e ao temón da primeira potencia mundial, antes de poñelos nas súas mans?

Trump padece -ou goza- de egolatría, ergo, é un ególatra. Iso equivale a dicir que se venera, rende culto e adora a si mesmo. É moito máis que ser narcisista. Se ben ambos comparten a falta de empatía cos outros, o narcisista considérase moi importante e precisa da veneración allea, mais non alcanza tan altas cotas de autocompracencia. E digo isto pedindo por adiantado desculpas aos profesionais da psicoloxía e da psiquiatría.

Daquela, como tantas persoas lle poden outorgar a súa confianza? É que non ven o que nós vemos? A resposta, como en case todo, ten a ver coa cor do cristal con que se mira. Gran parte dos e das que son norteamericanos ou chegaron alí co propósito de selo, son tamén soñadores, permítaseme a redundancia, do "gran soño americano» e defensores do «América primeiro". 

Diso lles fala Trump, iso lles promete. Mais o que fora nun principio, por definición, desexo de igualdade de oportunidades, deveu en pura ambición e neoliberalismo brutal. Todo polo diñeiro, ese é o significado que lle dá o magnate, disque endebedado co fisco do seu país. E non ten reparo en dicir que pretende preservar os valores do cristianismo. Si, home, si. En que evanxeo leu o da supremacía da raza branca? Por cal soubo que o fin xustifica os medios? Que cousa é calumniar?

Secasí, el non é o problema. O problema é o sistema que hai detrás. As deportacións de inmigrantes non teñen a súa patente. O mantemento do becerro de ouro a custa do medio ambiente, tampouco. Trump é en tempos en que se apela á conciencia ecolóxica, o louco útil que executa os plans dos asisados donos do capital. E, desde logo, a exigua axuda dos USA ao Terceiro Mundo, suprimiuna el.

Comentarios