miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

A testosterona non ten culpa

ESTA HORMONA masculina foi e segue a ser estudada en relación coa violencia. Lonxe de min o propósito de meterme en camisas de once varas, a falar de cousas que fican a anos luz dos meus coñecementos. De calquera maneira, podo sospeitar entre os moitos «si, pero non» e «non, pero si» de diversas investigacións, que non existen conclusións definitivas sobre o papel da testosterona na agresividade de moitos homes. Se acaso, influiría na relación da serotonina e dopamina no cerebro, disque asociada á crueldade no trato e ao suicidio.

O que semella probado é que un maior nivel desta substancia non implica maior risco de condutas lesivas de cara aos demais, nomeadamente cara ás mulleres; nin tampouco a súa escaseza garante unha convivencia pacífica. Se non for así, chegados a certa idade, moitos maltratadores tornaríanse mansos.

Nas especies puramente animais, a castración non resolve por completo a agresividade. Por exemplo, un can capado non pelexará polas femias nin poñerá o mesmo empeño en defender o territorio; mais, se era fero, seguirá séndoo despois da intervención. O factor adestramento é fundamental.

Un home non é -non pode serproduto do puro determinismo biolóxico. Hai unha segunda natureza, a educación, que é a que verdadeiramente nos humaniza, nos fai persoas.

Leo na prensa noticias de liortas entre a rapazada —mozos e mozas, maioritariamente eles— e non podo evitar que o pensamento voe a feitos tan terríbeis como os que tiveron estes días especial virulencia. Intúo que ningún dos mullericidios ou infanticidios comezaron o día de autos. O sol do machismo incubou os ovos da serpe, desde moito tempo antes de que deviñesen ofidios portadores de veleno e morte.

Quen, de certa idade, non cantou ‘El preso número nueve’ intentando emular a Joan Báez? Ou ‘La Martina’, de Antonio Aguilar, entre outros moitos temas en que se mostraba empatía co vingador? Quen non aplaudiu os dramas calderonianos que limpaban con sangue a infidelidade das mulleres? A dos homes non tiña delito. Somos fillas e fillos dun sistema deseñado por varóns ‘pro domo sua’. Esa é, aínda hoxe, a segunda natureza de moita xente.

Por se o esquecemos, velaí personaxes como o canario Padre Báez, a desculpar o asasino das fillas e a botar sobre a nai todo o peso do crime. E políticos que se negan a suxeitar, xunto con membros do Concello de Madrid, unha pancarta de repulsa a un suceso tan doloroso.

Hormonas? Testosterona? Todas e todos temos, en maior ou menor medida, mais non poden substituír o razoamento e o amor á humanidade, eses que nos sitúan na cúspide da escala animal, alí onde ser é outra cousa.

A testosterona non ten culpa
Comentarios