Opinión

Sucio, noxento e repugnante

Gustaríame mandarlle un pastel ao presidente dos USA. Naceu tal día coma hoxe en 1946, supoño que para ledicia dos seus pais e ben seguro que para desgraza de moita xente.

O de sucio, noxento e repugnante díxoo el referíndose á posibilidade dun xuízo político contra a súa persoa no Congreso. A min sérveme para titular o artigo que, en data tan especial, quero dedicarlle. Será como dar patadas ao tren: ao tren non lle pasará nada e quen iso fai pode mancarse. Non vai ser este o caso. Fico moi lonxe, en todos os aspectos, do grotesco personaxe e, ademais, que ten de malo felicitarlle a alguén o 73 aniversario? Pois aí lle quedan as súas palabras para describir o pastel.

Hai quen vaticina que volverá gañar en 2020, así que, se ese é o caso, o pobo norteamericano rubricará o que, para sorpresa do mundo, asinou en 2016. Dime a quen votas e direiche quen es. Será certa tal afirmación? Cústame acreditar no feito de que haxa tanta xente insolidaria e descerebrada no que din que é o país máis poderoso da terra.

Non me estraña que o tío Sam (ben saben que é a personificación dos Estados Unidos) teña rostro avinagrado. Non lle quero faltar a ninguén, mais estráñame que poida haber xente feliz aló. Supoño que a haberá en determinados sectores e, sobre todo, o das persoas que non ven alén do nariz. E cando falo da felicidade, enténdoa como harmonía consigo mesma, cos demais e co contorno natural.

A ver se me explico: aínda os máis adiñeirados, se ben o pensan, terán que se decatar de que as decisións do goberno que eles apoian custan sangue e bágoas a outros países, porque facer guerras é a base de boa parte do PIB ianqui.

Xa noutra ocasión me referín ao infortunio de quen vive nun territorio onde os pobres son moitos, a maioría dos enfermos mentais son pobres abandonados á súa sorte, e calquera da clase media pode caer na miseria por mor dunha doenza, ao non conseguir pagar os custosísimos seguros que lle cubrirían o tratamento. E xa non falaremos da crueldade da pena de morte, do racismo que fai máis vulnerábeis os negros e os hispanos ou do perigo dun pobo ateigado de armas en mans de particulares.

Paradigma e paladín de todas estas cousas, é Donald Trump. Soberbio e prepotente, chegou a Inglaterra avalando, ou máis ben esixindo, un Brexit que pide duro. O imperio quere sucursal en Europa, mais sen Europa. Do vello continente só lle interesa a Otan, sempre que gaste máis en armamento, claro. A outro nivel, a Onu e os seus programas humanitarios semella que máis ben o molestan.

Así que, presidente, probe a tarta. Os ingredientes son seus.

Comentarios