Opinión

As súas serenísimas señorías

É evidente que o de serenísimas é unha ironía. Certamente, non lle cadra o adxectivo a unha boa parte das persoas que integran o Congreso dos Deputados. Os cidadáns e cidadás de a pé temos a sensación de vivir nunca permanente entroidada. E si, son días de Entroido, mais hai cousas coas que non se xoga. Por exemplo, a saúde da terra e, con ela, o pan de cantas persoas a habitamos.

Serenísimas, de serenidade. Serenidade, esa condición que deben ter quen nos gobernan e lexislan para facelo consonte a leis xustas e asisadas. U-la? Onde está?

Por suposto que non se libra case ningún partido do innobre costume de lle tirar punta a cantos fallos teñen, ou poden ter, os seus opoñentes. Se de fallos se tratar, non deixa de ter a súa xustificación. O impresentábel é que, en contra de toda evidencia científica, cualifiquen de ecoloxismo radical as medidas de control prescritas pola Unión Europea. É o seu xeito de culpar ao partido no goberno da magna revolta dos traballadores agrícolas. Iso é o máis doado e, sen dúbida, máis oportunista.

Explícase que quen están a padecer a competencia desleal de produtos vidos de territorio extra comunitario, de peor calidade sanitaria, mais de mellor prezo, se sintan desamparados nos seus intereses. O que non ten xustificación é que a Unión Europea, e con ela os países que a integran, desistan das medidas encamiñadas a preservar a saúde de todo o mundo. Se no canto de investir en tecnoloxía para matar máis e mellor, se investigasen tecnoloxías seguras e máis accesíbeis para eliminar pragas e fertilizar terreos, así como conseguir regos con menos auga, este problema non existiría. Porén, é máis cómodo suprimir o fin para non poñer os medios.

Doutra banda, o lóxico sería tamén que se lles esixisen aos países dos que importamos medidas de produción semellantes. A axuda exterior talvez tivese que camiñar por aí. Son consciente de que a bomba estalou agora e de que non é doado deter a súa onda expansiva, mais a solución non é nin pode ser a de meter a cabeza baixo da á para non ver o que acontece.

Soño cuns políticos e políticas que non se sirvan de falacias para beneficiarse a si mesmos e ao propio partido. Prego por que o Congreso, aló, e o Parlamento, aquí, se abran á razón e abandonen a visceralidade. Esixo que non xoguen coa esperanza do pobo que os puxo e mantén nos seus postos para que constrúan -iso é a política- e non para que se ocupen en esboroar o edificio da democracia.

Alguén dixo que a política é un asunto demasiado serio como para deixalo exclusivamente en mans dos políticos. Pois iso: escoiten a Ciencia.

Comentarios