Opinión

Sombras que respiran

Para comprender o presente debemos mirar cara o pasado

AGORA QUE apenas nos atrevemos a conxugar os verbos en presente, nunha absurda fixación polo inmediato, corremos o risco de esquecer que somos os elos dunha cadea que vén de lonxe e nos explica. Así, tanto a nivel persoal como colectivo, estaremos condenados a descoñecérmonos, a non descifrar o propio enigma.

Os homes da Xeración Nós non caeron na trapela de consideraren que o mundo comezaba e remataba con eles; por iso, á hora de soñar unha Galiza con futuro, indagaron os seus sucesivos rostros ao longo da historia e aínda da prehistoria.

Cúmprense hoxe 83 anos do pasamento de Florentino López Alonso-Cuevillas, un destes persoeiros posuídos polo entusiasmo e a vontade de achar o lugar no mundo que este país merece. Ourensán nado en 1886, fixera a carreira de farmacia, mais nunca a chegou a exercer. Todo o seu esforzo investigador estivo centrado na arqueoloxía, a estudar os megálitos e a cultura castrexa. Cultivou tamén o ensaio e a prosa literaria. Foi crucial, xa que logo, na exhumación dun patrimonio de gran valor, existente desde antes de termos testemuños escritos.

Sabido é que máis tarde os documentos nos meteron na historia e, por eles, puidemos coñecer máis fielmente o pasado. Mais da epopea das clases populares, pretendéndoo ou non, os grandes cronistas tamén foron os fotógrafos, a partir da relativa democratización desta práctica.

Non hai moitos días que estiven mirando con admiración as imaxes de Maruja Roca, a fotógrafa de Becerreá, antologada nunha obra da xornalista e poeta Neves Neira Roca -sobriña neta da artista- e do tamén fotógrafo Eutropio Rodríguez. Certamente, as imaxes, cando a pupila que as inmortalizou viu máis alá, falan e contan.

Porque… quen non entendeu o que relata aquela célebre fotografía de Manuel Ferrol, na despedida dun transatlántico no porto da Coruña?

Moitas son as vidas que alentan tras o branco e negro dos instantes captados por José Vidal (Laxe -A Coruña-, 1900-1988). O seu arquivo consta de 67.000 unidades –negativos de vidro e plástico e positivos en papel e foi doado pola familia ao Museo do Mar de Laxe. Así, as persoas fotografadas regresan das adegas do tempo a seren testemuñas de dignidade malia a pobreza da época en que viviron.

Capítulo á parte merecen as nenas e nenos que, a miúdo en longas ringleiras de irmáns, nos interrogan desde o pasado que foi futuro, con olladas que semellan vernos.

E as mans das mulleres, sobre todo as das máis vellas, auténticas metáforas do traballo e os aloumiños. Nós somos elas, como se titula unha exposición itinerante con vinte e catro destas imaxes, promovida pola A.C. Alexandre Bóveda da Coruña.

Comentarios