Opinión

O solsticio de inverno e o capitalismo

TENSE DITO que as cousas evidentes son as máis difíciles de demostrar. Hai afirmacións das que se podería asegurar que semellan auténticos axiomas e, como tales, non precisan explicación. Porén, rebatelas require facer monumentos á falacia, malabarismos coa lóxica máis elemental, exercicios de hipocrisía sazonados cos dogmas inamovíbeis do politicamente correcto. O politicamente correcto é, máis que nada, o que non cuestiona a orde establecida, o que non molesta ao sistema por máis que este contribúa ao suicidio colectivo.

Hai un home moi incómodo para o neoliberalismo, George Monbiot, un escritor e ecoloxista inglés a quen moitos, por non lle poder calar a boca, desprezan e tratan de iluminado. E si: está iluminado, mais pola razón dos que non se venden nin se alugan.

Presentado o personaxe (se cadra xa o coñecían), cito unhas súas palabras que queren ser matriz da miña reflexión de hoxe: «Os cristiáns roubáronlles o solsticio de inverno aos pagáns e o capitalismo roubóullelo aos cristiáns».

Non colide coa ortodoxia negar ou poñer en dúbida que Cristo nacese na noite do 24 de decembro. É ben sabido que moitas das festas e ritos pagáns foron cristianizados pola Igrexa para, sen suprimilos, darlles unha nova dimensión. Así, a festa do solsticio de inverno, hoxe, día 21 do derradeiro mes do ano, é o comezo do renacemento da luz que dará en medrar cos días, símbolo ben acaído, xa que logo, para establecer un paralelismo entre o Sol e Xesús. (Non imos entrar na explicación do adaxio que afirma que pola Santa Lucía mingua a noite e medra o día, tamén con algo de verdade, mais os motivos non veñen ao caso).

Efectivamente, o capitalismo, en gran medida, desposuíu estas festas do seu carácter xenuíno. Sirva tamén para os non crentes na idea de que Deus se fai humano, vístese de nós, sente o que nós sentimos, ten compaixón e a ela nos convida. Non lle chamen, se non queren, caridade cristiá, díganlle solidariedade e xustiza. O capitalismo, pola contra, converte esta efeméride na apoteose do egoísmo e o consumo, é un ente sen alma empeñado en hipertrofiar a nosa ambición consumista para o seu proveito.

As noticias de pederastia por parte de certos clérigos cáennos enriba como raios. Tamén lles caen a unha inmensa maioría deles que non son noticia porque respectan a súa promesa de castidade e, sobre todo, porque saben que a infancia é sagrada. Por iso non está de máis destacar o labor dos que, lonxe de paternalismos, se dedican a xuntar vontades, non só no Nadal -pero especialmente- para axudar aos oprimidos. Máis que nunca, ábranse os ceos e as nubes chovan xustiza.

Comentarios