Opinión

Silicon Valley versus Cuelgamuros

DEUME MEDO escoitar hai uns días a Pablo Casado declarando con entusiasmo: "El valle que me importa es el de la tecnología, como Silicon Valley, no el de los Caídos". Sooume igual que as palabras dunhas rapazas, fillas da emigración, que, cando a súa nai lles sinalaba o Val de Sarria desde o campo da feira, responderon: "A nosotras dinos donde están las salas de fiestas". Non quero pensar o que dirían se as instase a coñecer o mosteiro da Magdalena, situado a uns metros.

É evidente que Silicon Valley (Val do Silicio) deveu en metonimia. Nun principio, un xornalista bautizou así a área Sur da Península de San Francisco, onde se fabricaban moitos chips para o ámbito cibernético. Na actualidade abrangue moito máis territorio porque acolle multitude de empresas que producen alta tecnoloxía. Non é estraño, xa que logo, que o uso deste topónimo de novo cuño represente ese conxunto de técnicas innovadoras.

En Cuelgamuros, ao sueste da Serra de Guadarrama, atópase outro val ben distinto, o Val dos Caídos, monumento de gran actualidade agora por mor das disposicións do goberno para exhumar a Franco.

Pregúntome, coa expresión galega equivalente á castelá "confundir el tocino con la velocidad", se non estará o devandito líder a confundir o cu coas témporas. En que son incompatíbeis a memoria e o avance tecnolóxico? Non deberá ser a primeira como un manual de funcionamento, se se me permite a comparanza, para o uso ético desta?

En auxilio da miña resposta, que o é aínda que vaia con interrogación, quero citar a Scott Hartley, un home que se moveu toda a vida neste ámbito (Google, Facebook) e inviste o seu diñeiro nel. Asegura o experto, que é ademais licenciado en ciencias políticas e gran coñecedor da economía internacional, que só as humanidades nos salvarán de perder o emprego. Vén dicir, así mesmo, que soamente cando non contrapoñamos as ciencias sociais á tecnoloxía, lograremos avances que melloren esencialmente as nosas vidas. E cita a Voltaire: "Xulgue a un home polas súas preguntas e non polas súas respostas".

Que preguntas se farán as persoas que programan para deixar o mundo en mans de robots, propiedade duns poucos?

Que proxectos non guiados pola compaixón e solidariedade teñen verdadeiro interese?

Armas tan poderosas poden estar en mans de persoas amorais, cando non inmorais, ignorantes da historia, a filosofía e a literatura? Navegantes sen mapas nin compás, guiados polo GPS cara ás rochas.

Se o ser humano é capaz de conseguir o que soña, oxalá que os soños dos programadores sexan fermosos e nobres. Que non reproduzan a historia de Caín con outros medios. Que recorden.

Comentarios