Opinión

Unha señora vida de lonxe

O meu sobriño neto Román fala de Pandemia como se dunha señora se tratase. Pregúntolle como é e onde está e respóndeme que é invisíbel e fai tusir. Ten catro anos e hai dous que estivo de visita na China. Non o esquece e cóntame que a tal Pandemia veu de aló, que é moi lonxe. Polo que deduzo, non a ve como unha inimiga, senón como un acontecemento máis dos moitos cos que vai descubrindo a vida.

É moi posíbel que, na primeira onda, o neno teña padecido a infección por Covid-19, o mesmo que o seu irmán dun ano. De feito, o seu pai sufriuna con síntomas leves. A nai, asintomática, tamén deu positivo. O conto é que el estaba feliz, todo o día cos seus na casa. Por iso Pandemia é tan simpática como misteriosa, sen dúbida amiga dos nenos e protectora do fogar.

O gromo na residencia da terceira idade do Incio, tivo unha lectura ben distinta para moitas persoas. Cataláns, madrileños e vascos con raíces nestas terras, fuxiron a maioría como nunha estampida. Seguramente nun concello tan despoboado e sen grandes distancias, sentiron o perigo máis próximo que nas súas populosas cidades de orixe. Non pensaron en que aquí é mais doado estar no exterior a respirar aire puro. Fuxían de Pandemia.

Porén, Pandemia é como a Morte dun conto oriental (aínda que non sexa sinónima dela). Falo do tan coñecido relato do criado que lle pediu emprestado o cabalo ao amo para fuxir de Bagdad e refuxiarse en Ispahan porque, pola mañá, vira a Morte no mercado a lle facer acenos ameazadores. O amo, compadecido, accedeu ao seu pedimento e, aquela mesma tarde, viu tamén el a Morte no mercado e preguntoulle por que lle acenara daquel xeito ao criado. Esta respondeu que non o ameazara, que só expresara a sorpresa de velo alí, porque tiña que recollelo pola noite en Ispahan.

A ensinanza é obvia: Pandemia, o mesmo que Morte, non avisan por onde van andar —ou si—; mais non se trata de escapar delas, senón de furtarlles as voltas até onde sexa posíbel. Dito doutro xeito, seguir as recomendacións dos expertos ao pé da letra.
Dos expertos, non dos ‘todólogos’, que saben de todo e non entenden de nada. Porque xa abonda cos que falan desde certas tribunas ou cátedras cun aquel de prestixio e se contradín a nos sumar desconcerto.

Que se os nenos teñen maior carga viral e son grandes transmisores. Que se, pola contra, se comprobou en campamentos de verán que se contaxian e contaxian seis veces menos que os adultos. Que se cómpre distanciarse metro e medio. Que non, que son precisos tres ou cinco metros. Que se o virus se transmite por superficies infectadas. Que non é probábel. Que…

En todo caso, non é cousa de agardar a que se despida Pandemia, esa hóspede molesta, para sermos felices.

Comentarios