domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Señora dos Enigmas

Mañá cúmprense 181 anos do nacemento clandestino de María Rosalía Rita de Castro. (Clandestino, clandestina: fóra da lei). Nacemento clandestino? Como se ese adxectivo se lle puidese aplicar á chegada ao mundo dun ser humano. Filla natural? E logo as nacidas no matrimonio son artificiais? A resultas dunha relación clandestina? Si, se temos en conta o Dereito Canónico que lles prohibe aos cregos teren muller. Froito dun amor clandestino? Imposíbel que sexa clandestino, fóra de lei, repito, o que non se atén a ningunha (L’amour n’a pas de lois! —di a Carmen da ópera homónima de Bizet).

Secasí, a Negra Sombra rosaliana non foi a súa condición de filla de nai solteira, personificada na sotana do pai, como ten opinado algún estudoso da súa obra. (Por certo, preguntáronme unha vez nun programa de TVG que significaría para a nosa autora a tal negra sombra e eu comecei a citar as diversas teses para acabar coa miña opinión e, como está de moda fragmentar as respostas, cortaron por onde lles petou e fixéronme dicir «a sotana do pai». Nada máis lonxe do meu pensamento).

Rosalía de Castro é a señora dos enigmas ou, máis exacto, ela mesma é o enigma. Seguramente intentou descifrarse sen conseguilo e foi esa pescuda a que nos deparou a súa mellor poesía. Xa que logo, é inútil facer conxecturas sobre o significado de moitos dos seus textos. Porén, é inevitábel non facelas.

Á xa amentada Negra Sombra, daranlle distinto nome cada lectora ou lector nalgún momento da vida. Como ás ondas do mar na cantiga de Meendinho. Como á pedra no camiño de Carlos Drummond de Andrade. É a polisemia das metáforas que non sempre son máis eficaces por seren, na procura de orixinalidade, máis estrañas e ilóxicas.

O que si tiña nidio, interiorizado e feito sentir dos seus sentires, eran as mágoas do pobo galego, nomeadamente das mulleres, o que non quere dicir que a súa empatía non alcanzase aos varóns. Abonda ver como se mete na pel e o sufrimento dos homes emigrantes no poema Pra a Habana. Neste senso, a profesora Pilar García Negro ten afirmado que a nosa escritora soubo de nós moito máis do que nós saberemos nunca dela.

Hai moitas Rosalías e, como recordaba unha das fillas, a súa nai era alegre e tiña un gran sentido do humor. Ese humor reflíctese, poño por caso, no que comeza: "Se a vernos, Marica, nantronte viñeras" de Cantares Gallegos ou, en prosa en castelán, El caballero de las botas azules, con hilarantes descricións da alta sociedade madrileña.

Fagámoslle —fagámosnos— o regalo de coñecer algo máis que o seu nome.

Na súa lembranza, en podendo, mañá agasallemos cun libro e unha rosa.

Señora dos Enigmas
Comentarios