Opinión

Sen mordazas

A PLATAFORMA Lugo sen Mordazas convocou o chamado ironicamente "Festival Incívico" e, no marco deste, unha exposición de motivos para se opoñer á ordenanza presentada polo Concello, da autoría da psicóloga social Chus Rodríguez. Non puiden estar presente, mais debo á súa amabilidade a reconstrución da charla. Limitareime a transcribir o sumario por non contar con espazo para a ben documentada explicación do mesmo.

"Esta ordenanza baséase nunha percepción de inseguridade e medo irreal que se trata de inocular na veciñanza por determinados grupos de poder (Observatorio de Empresarios y Vecinos por la Seguridad Cuidadana), que vén de dous tipos de medo: O dos privilexiados que temen que lles rouben o seu, queren máis seguridade e manter o seu estatus e privilexios coa violencia legalizada (sancións, represión) e o dos cidadáns desinformados, alienados no sistema, manipulados por certos medios de comunicación, que perciben ese medo irreal como real".

Concordando con boa parte dos seus razoamentos, quero facer os meus, seguramente desde ese punto medio que non contenta a ninguén.

Sempre souben, como educadora que fun, que hai dous tipos de conciencia, a autónoma e a heterónoma. A conciencia autónoma réxese polas propias normas de conduta. A heterónoma, por normas impostas desde fóra e o temor á sanción por non cumprilas. Non hai dúbida de que a segunda non casa coa liberdade individual. Con todo pode suceder que, actuando desde a miña conciencia autónoma, choque coa liberdade allea. Por iso é preciso fixar certas normas obxectivas de convivencia, gústennos ou non. O problema xorde á hora de sancionar o seu incumprimento: quen, como e cando o fai.

A non ser que acreditemos na bondade orixinal do ser humano, como Rousseau no Emilio ou Da educación, a conciencia autónoma require unha formación en valores. Para a heterónoma abonda co pau e o talonario de multas. Daquela, aínda que sexa un proceso máis lento, é moito máis rendíbel educar a cidadanía que controlala polo medo. Isto non exclúe que en determinadas ocasións teña que ser este quen garde a viña.

Coido que existen normas abondo para convivirmos en paz. A cousa é que se eduque nelas e se vixíe o seu cumprimento. É máis doado prohibir o botellón, por exemplo, que vixiar o consumo de alcohol por parte de menores, así como o estado en que deixan os espazos públicos e ofrecer opcións máis suxestivas.

A mendicidade ou a prostitución tampouco se erradican prohibíndoas. Cómpre identificar certas mafias que se lucran da necesidade das persoas máis desherdadas.

En definitiva, se queremos outro mundo, temos que construílo educando e procurando xustiza.

Comentarios