Opinión

Os que sementan entre bágoas

Teño acudido moitas veces ao salmo 126 para lle falar ao alumnado da recompensa ao esforzo: "Os que sementan entre bágoas/segarán con gritos de ledicia./Aínda que choren mentres levan o saco da semente,/volverán cantando de alegría,/con monllos de trigo entre os brazos".

Hoxe quero procurar as palabras xustas para dicir o que penso sen mancar a ninguén. Debo recordar que quen gaña e toma calquera tipo de vinganza non merece gañar. Sería doado dicir aquilo de "senta con paciencia á porta e verás pasar o cadáver do teu inimigo". Sería doado, mais tamén sería inxusto e ousado. Non son o inimigo, malia que dun ou doutro lado houbo ou haxa quen o pense. Ademais o éxito e o fracaso, volátiles como o éter, seméllanse precisamente niso, no seu ser efémeros, inestábeis, mutantes. De calquera maneira, so pretexto de buscarmos a perfección que non achamos nos outros, sucede con frecuencia que estamos a obedecer os mandados do noso embigo.

Vén todo isto a conto da caída de certas formacións emerxentes na lexislatura anterior, boa parte delas integradas por decepcionados co BNG en que militaban. Usaron da súa liberdade e do seu dereito e, en moitos casos, seguiron decepcionados e dinamitando, máis unha vez, o que axudaran a crear. Mágoa. O argumentario da oposición débelles moito.

O caso é que fomos abondas as persoas que choramos a desfeita e padecemos pola inxustiza evidente. Non deixa de ser curioso que os máis conspicuos detractores fosen precisamente persoas que tiveran postos de responsabilidade e poder de decisión dentro da tal formación política. Pola contra, os e as ninguén seguimos a confiar e a non querer desbaldir un esforzo de tantos anos. E, como tanto amor non pode ser inútil —Novoneira dixo—, a esperanza dun país dono da súa memoria volve asomar no horizonte. O 12 de xullo deixounos mollos de espigas entre os brazos e, como contrapartida negativa, a ameaza do virus que segue aí.

Cando non se pode loitar coas ondas, seica é unha boa práctica facer o morto até que a marea nos deposite na praia. Non se entende que tanto mal poida servir para algo. Porén, se ese estado nos fai reflexionar e aprender a distinguir o fundamental do accesorio, saberemos honrar as vítimas coas nosas vidas.

Oxalá que goberno e oposición o saiban facer e conflúan nestas cousas: amor, lingua de noso, paz, casa, pan, ar limpo, liberdade, xustiza…, todas resumidas na primeira, como nos foi ensinado.

Mágoa se, despois de tanta dor, a "nova normalidade" é o regreso ao suicidio colectivo do país; se continúan políticas que nos pretenden borrar do mapa como pobo diferenciado.

Comentarios