Opinión

Se queres vida, prepara a paz

SEMPRE REFUGUEI este aforismo latino, asumido pola (in)cultura da guerra até o punto de tomar o nome del unha pistola e un tipo de cartucho (parabellum): ‘Si vis pacem para bellum’ (se queres a paz, prepara a guerra). Adoitan atribuírllo a César, mais todo indica que está inspirado nun parágrafo dunha obra sobre temas bélicos de Vegetius.

Nada bo se pode seguir de preparar a guerra, compañeira da morte, e moito ben de preparar a paz, compañeira da vida. Porén, case todos os países do mundo pensan doutro xeito

Aínda así, a utopía é posíbel, sirva de exemplo Costa Rica. En decembro cumpriranse 69 anos desde que aboliu o exército (1948). Antes houbera unha guerra civil de pouco máis dun mes, por mor dun ‘pucheirazo’ nas eleccións.

Os mortos ascenderan a 4.000 nun territorio que, na actualidade, non chega aos cinco millóns de habitantes. En 1983 este país centroamericano asina a Carta de Neutralidade Perpetua. Que así sexa, porque a inmensa maioría dos ‘ticas’ (xentilicio coloquial) gábanse do seu pacifismo malia sentiren a presión do poderoso país norteamericano, disposto sempre a cubrir el esa ‘carencia’, mesmo a custa de cambiarlles o nome ás cousas e pretextar a loita contra o tráfico de drogas ou o terrorismo.

Dáse a circunstancia de que, tras a redacción da amentada Carta, hai un avogado, poeta e ex embaixador na Unesco de raíces galegas. Un seu curmán, arquitecto, Agustín Mourelo, foi director por Nacións Unidas do Programa de Estratexia Nacional de Vivenda para Costa Rica e do Fortalecemento da Xestión Comunitaria. El propio me relatou estes días unha anécdota que viviu no comezo dos anos noventa do século pasado. É ben gráfica para ilustrar a cultura da paz fronte á da guerra.

Acudira a Nairobi para a Conferencia de Avaliación do programa de vivendas auspiciado polas Nacións Unidas. Con tal motivo, inaugurábase unha urbanización do que aquí chamaríamos vivendas sociais. As rúas en que se asentaba eran de terra, mais semelloulle ver unha asfaltada e fixo un comentario positivo dela. A sorpresa foi maiúscula cando, ao achegarse, comprobou que o suposto asfalto non era outra cousa que unha compacta alfombra de moscas. E non foi menor o abraio ao entrar nas vivendas e ver que carecían de cociña e baños. Tampouco tiñan eses servizos —argumentaron— as chabolas das que procedían os que as habían ocupar. Mentres falaba coas autoridades, sucaron o ceo máis de media ducia de ‘Jets’ do exército. Foi o momento que aproveitou para explicarlles que no seu país os cartos se gastaban en benestar para a xente e non en armamento. Case o botan.



Comentarios