Jueves. 13.12.2018 |
El tiempo
Jueves. 13.12.2018
El tiempo

Se Daguerre volvese

PARECE SER que Louis Daguerre presentou o seu invento fotográfico, por el chamado daguerrotipo, o 10 de agosto de 1839. Cúmprense hoxe, polo tanto, 179 anos deste acontecemento. Manéxanse outras datas que, se cadra, se refiren aos diversos estadios na evolución desta técnica, baseada no traballo de Joseph Nicéphore Niépce. Con moi bo criterio, o goberno francés mercou a patente para facer accesíbel o aparello a todo o mundo. Deste xeito estendeuse con rapidez por Europa e os Estados Unidos. Un gran paso no avance da fotografía mercé ao cal bastantes persoas coñecemos a imaxe dos tataravós.

Antes, con Niépce, o tempo de exposición duraba dúas horas. Daguerre conseguiu baixalo a entre os corenta e os cinco minutos. Moita xente nova, que pensa que sempre existiron os móbiles coa súa correspondente cámara fotográfica, pillarían o pasmo se visen unha daquelas complicadas sesións. Así e todo, ao señor Daguerre aconteceríalle outro tanto ou máis ao ver a celeridade con que se fan agora os retratos. El, que tantos traballos pasou para perfeccionar o invento que non permitía facer máis que unha copia.

Nestas datas de lecer, un dos praceres é recibir ou enviar fotografías de lugares fermosos e, por máis que haxa quen o atribúa ás ganas de dar envexa, como remitir postais outrora, o certo é que semella un xeito bonito de compartir e perpetuar a viaxe.

Quereríamos ficar en moitos faros cos seus subxugantes solpores. Gustariamos de apreixar a beleza das pedras, humanizadas ou non, de monumentos e construcións ou rochas impoñentes. Porén, hai que partir sempre. Por iso a fotografía é un xeito de roubarlle momentos ao tempo, de lle facer a figa á fugacidade das persoas e as cousas.

E, tamén, coa arte das instantáneas queremos marcar, tal as faragullas que deixaban Hänsel e Gretel, o camiño de volta. Mais, aínda que as pombas non as engulan como ás do conto, o único camiño que marcamos é o da saudade.

Porque un álbum de fotos, en calquera formato, é asemade un reloxo a marcar o paso dos días que, ben se sabe, non poden correr se non é sobre nós, a nos deixar as súas pegadas indelébeis na pel.

E é, ademais, un libro para lles ler aos descendentes. Co pretexto das fotografías, podemos relatarlles a historia dos nosos devanceiros. Verán modas e modos, coñecerán as súas peripecias, as voltas e golpes que lles deu a vida, as alegrías e os triunfos, efémeros por igual.

En todo caso, para entender a fascinación desta arte, nada mellor que o derradeiro libro de Roland Barthes, A cámara lúcida, La Chambre Claire na versión orixinal.

Grazas, señor Daguerre, por abrirlle o camiño á fotografía.

Se Daguerre volvese
Comentarios